A Xunta de Galicia, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), acaba de anunciar a ampliación dos fondos destinados á convocatoria de axudas para a eficiencia enerxética no sector agropecuario galego en 1,7 millóns de euros, elevando a dotación total a 5 millóns de euros. Esta iniciativa, que prevé beneficiar un cento de solicitantes, foi publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Desde a súa convocatoria o pasado ano, esta liña de apoios xa ten beneficiado a 72 empresas, autónomos, comunidades de regadío e asociacións de produtores en Galicia cun importe de 3,2 millóns de euros. Estes apoios teñen xerado un investimento asociado de 10,7 millóns de euros. Coa ampliación anunciada, espérase apoiar outras 28 actuacións.
Os apoios, que poden acadar ata un máximo de 1 millón de euros por expediente, están destinados a promover a implantación de enerxías renovables nas explotacións agropecuarias, así como a renovación das instalacións de regadío e dos equipos de bombeo. Estas actuacións teñen como obxectivo reducir o consumo final de enerxía ata nun 10% e abaratar a factura eléctrica.
Entre as actuacións subvencionables inclúense melloras na envolvente térmica dos edificios agropecuarios, incluíndo fachadas, cubertas e xanelas, así como solucións bioclimáticas. Tamén se cobren melloras nas instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria. Exemplos disto son os procesos de pasteurización, conservación de produtos perecedoiros, climatización de naves de gando e invernadoiros, e refrixeración en procesos de fermentación do viño. Ademais, fomentase o aproveitamento de calores residuais e a creación de novas redes de calor.
As axudas tamén se destinan á implantación de enerxías renovables térmicas como a enerxía solar térmica, biomasa, enerxía xeotérmica, aerotermia ou hidrotermia, así como a bombas de calor ou a combinación de varias delas. Ademais, inclúese a reforma ou substitución de instalacións de iluminación, tanto interior como exterior, e a renovación de motores para accionamentos mecánicos e outros servizos propios destas actividades.
No ámbito dos sistemas de regadío, as axudas cobren a substitución de grupos de bombeo por outros máis eficientes enerxeticamente, a implantación de variadores de frecuencia e arrancadores estáticos, o emprego de sistemas de regulación, control e monitoraxe da rede de rega, e a instalación ou substitución de baterías de condensadores para mellorar a eficiencia enerxética das instalacións eléctricas das estacións de bombeo. Non serán elixibles as actuacións que contribúan ao incremento do consumo de auga ou da superficie regable.
Para as empresas, a axuda non supera o 35% do custo subvencionable da actuación, aumentando ata o 55% para pequenas empresas e ata o 45% para medianas empresas.•
Últimas noticias sobre AXUDAS
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, vén de convocar
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou que o Equipo de Goberno aprobou na Xunta
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde da Consellería de Emprego, Comercio
A Xunta de Galicia vén de anunciar a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) a