O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou as instalacións de Celega no Saviñao
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, visitou este xoves as instalacións de Celega, unha fábrica xestionada polas cooperativas Lemos e Coreber, situada no concello do Saviñao. Durante a visita, o presidente destacou o recente recoñecemento outorgado pola entidade independente AENOR a Celega polo seu compromiso co benestar animal e o coidado do medio ambiente.
Tomé Roca felicitou á cooperativa Lemos, que posúe o 80% da firma, e que se consolidou como unha das principais recolledoras e comercializadoras de leite de toda Galicia. Tomé Roca subliñou o compromiso da Deputación co sector primario, «un compromiso que mantemos, por exemplo, a través da Granxa Gayoso Castro, onde colaboramos coa Universidade de Santiago».
Tomé Roca destacou o papel pioneiro da provincia de Lugo no sector lácteo, sendo a primeira produtora de leite en España. «Todo aquelo que leve consigo que o sector primario poida desenvolverse aquí, transformando os produtos e deixando o valor engadido que isto supón, é, sen dúbida, unha boa noticia para a provincia», afirmou.
José Manuel Rodríguez, director xeral do grupo Celega-Cooperativa de Lemos, detallou que a certificación polo coidado do benestar animal nas granxas xa a recibiron o ano pasado, mentres que en xuño deste ano conseguiron as certificacións de xestión ambiental e residuo cero. Estes logros reflicten o compromiso de Celega coa sustentabilidade e a responsabilidade social.
Na visita, ademais do Presidente da Deputación e do director xeral do grupo lácteo, estiveron presentes o responsable da cooperativa Lemos, Eliseo Mariño; o responsable da cooperativa Coreber, Jesús Mato Pose; o Secretario Xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro; e o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, entre outras autoridades. Todos destacaron a importancia de recoñecementos como os de AENOR para reforzar a posición de Galicia como referente no sector lácteo.
A visita culminou cun percorrido polas instalacións, onde as autoridades puideron observar de primeira man as prácticas de benestar animal e as iniciativas de xestión ambiental implementadas. Estas prácticas non só benefician aos animais e ao medio ambiente, senón que tamén melloran a calidade do leite producido.•