Comezan os traballos de rehabilitación do firme na LU-P-5810 en O Saviñao

Os traballos consisten na reapertura de cunetas, reparación de puntos deteriorados e repavimentación. Foto GPDL.

A Deputación de Lugo vén de comezar os traballos de rehabilitación do firme dun tramo da estrada LU-P-5810, que conecta Eirexafeita con Cazón, no concello do Saviñao. Esta intervención, que afecta a un tramo de case 7 quilómetros desde o inicio da estrada, conta cun investimento de preto de 80.000 euros.
As obras inclúen a reapertura de cunetas, a reparación de puntos deteriorados e a repavimentación do firme. A empresa encargada de executar os traballos é Fevisa Vías y Obras SL, e o prazo de execución estimado é dun mes. Esta mellora é fundamental para garantir a circulación en condicións de seguridade e comodidade para os usuarios desta vía, que serve a varias parroquias do municipio.

OUTRAS ACTUACIÓNS NO SAVIÑAO
Ademais desta intervención, a Deputación está a realizar outras actuacións no concello do Saviñao. Na estrada LU-P-4202, que conecta Pacios e Currelos por Aldosende, estanse executando obras de mellora entre os puntos quilométricos 3,250 e 5,000. Cun investimento de preto de 80.000 euros, estes traballos inclúen a reapertura e limpeza de cunetas e a pavimentación dos puntos deteriorados con aglomerado en quente.
A maiores, a Deputación sacou a licitación as obras de acondicionamento da LU-P-5806 por 115.400 euros. Esta vía une a parroquia de Freán coa estrada autonómica LU-617 e será mellorada nun tramo de máis de 8 quilómetros. Os traballos, cun prazo de execución de dous meses, incluirán a reapertura de cunetas, a reparación de afundimentos e a repavimentación do firme.
Este proxecto é especialmente relevante para a zona da Ribeira Sacra, xa que esta estrada dá acceso a importantes recursos turísticos, como a contorna de Belesar e o antigo palacio episcopal de Diomondi, que actualmente funciona como albergue de peregrinos na ruta xacobea do Camiño de Inverno.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Inauguración da nova escollera de Rioseco

Seguinte Nova

O conselleiro de Cultura confía en que a candidatura Ribeira Sacra sexa Patrimonio Mundial en 2026

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: