Xunta de Galicia e representantes dos consellos reguladores da Ribeira Sacra e do Ribeiro mantiveron unha reunión na sede da Consellería do Medio Rural en San Caetano
Esta semana, na sede da Consellería do Medio Rural en San Caetano, tivo lugar unha nova xuntanza entre responsables da Xunta e representantes dos consellos reguladores da Ribeira Sacra e do Ribeiro. Participaron na reunión José Balseiros, director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias; Juan José Cerviño, director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria; e Martín Alemparte, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
Esta xuntanza é parte do esforzo continuado tanto da Xunta como dos consellos reguladores das denominacións de orixepara abordar a problemática dos excedentes de viño que está a afectar á Ribeira Sacra e ao Ribeiro. Unha das medidas solicitadas foi a activación dunha destilación de crise ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, coa aprobación aínda pendente da Unión Europea.
A Xunta tamén realizou reunións coas principais bodegas afectadas, e estas conversas seguen a desenvolverse. Ademais, a Consellería está a apoiar ao sector vitivinícola mediante diversas liñas de axuda que inclúen financiamento para os consellos reguladores, apoio á elaboración e comercialización de viño, reestruturación e reconversión de viñedos, e promoción do viño en mercados internacionais. A próxima convocatoria de axudas para a promoción en mercados exteriores será publicada no Diario Oficial de Galicia o martes 13 de agosto, o que representa unha nova oportunidade para os produtores da Ribeira Sacra e do Ribeiro.•