Dende o Concello de Monforte informan da posta en marcha dun dispositivo especial de tráfico co motivo das Festas Patronais, que se celebrarán entre os días 11 e 16 de agosto. Este plan está deseñado para regular o tráfico e as zonas de aparcamento, garantindo unha circulación fluída durante os preparativos, a celebración e a desmontaxe das atraccións.
As principais medidas inclúen:
- Peche do estacionamento no Parque dos Condes: A partir das 23:00 horas do 7 de agosto, o estacionamento no Parque dos Condes permanecerá pechado ata a desmontaxe das instalacións, prevista para o 17 ou 18 de agosto. Como alternativa, abrirase un solar na rúa Francisco Moure e manterase dispoñible o aparcamento na rúa Sarria.
- Supresións de estacionamento: Desde o 8 de agosto ata a finalización das festas, suprimirase o estacionamento na marxe dereita da rúa Compañía fronte a «As Casitas» e en ambas marxes ata o Paseo de Lugo. Desde as 14:00 horas do 9 de agosto, o estacionamento na rúa Dalmiro de la Valgoma na marxe dos pares será eliminado para habilitar a vía como dobre sentido.
- Cortes de tráfico: A rúa Compañía, desde a bifurcación con rúa Moure ata o Paseo de Lugo, péchase o 9 de agosto desde as 14:00 horas ata a desmontaxe das atraccións, prevista para o 17 de agosto. Entre o 11 e o 16 de agosto, de 18:00 a 04:00 horas, o tráfico estará completamente cortado na rúa Compañía e no tramo de Escultor Francisco Moure ata a rúa Sarria.
- Cortes específicos para eventos: O 15 de agosto, o acceso ao conxunto monumental de San Vicente estará pechado desde as 10:00 ata as 13:00 horas, e desde as 23:30 ata as 00:45 horas para o lanzamento dos fogos artificiais. O 16 de agosto, desde as 23:00 horas ata a 01:00 do día 17, pecharanse as rúas Doctor Casares, Paseo do Malecón, Ponte Vella e outras vías de acceso durante os fogos do río.
- Peche nocturno de Duquesa de Alba: Durante todas as datas das festas, a rúa Duquesa de Alba estará pechada entre as 00:00 e as 08:00 horas.
O Equipo de Goberno do Concello, solicita a colaboración e agradece a comprensión dos cidadáns e visitantes ante as medidas adoptadas para garantir a seguridade e a boa organización durante as Festas Patronais de Monforte.
A sinalización correspondente será instalada para informar sobre calquera modificación nos horarios e datas dos cortes de tráfico.•





