Galicia alcanza a cifra de paro máis baixa nun mes de xullo desde 1996

O mercado laboral galego continúa a mellorar, situándose en 118.045 persoas desempregadas

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, valorou os datos de paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social correspondentes ao mes de xullo. Foto GPXG.

O mercado laboral galego continúa coa súa tendencia positiva, acadando a cifra de 118.045 persoas desempregadas en xullo, a máis baixa desde que hai rexistros en 1996. Este dato foi destacado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, durante a súa visita a un dos Polo de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta, onde realizou unha valoración dos datos actuais.
Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior redución de paro nun ano, cunha baixada do 7,38%, superando en 2,61 puntos a diminución estatal, que se situou no 4,77%. Galicia é a segunda comunidade que máis incrementou as afiliacións á Seguridade Social no último mes, sumando máis de 8.500 persoas, alcanzando un total de 1.093.374 afiliados.
O conselleiro José González subliñou que o paro caeu en termos anuais nas catro provincias e nas sete grandes cidades. A diminución abarcou todos os sectores, así como colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta, como son as mulleres, os menores de 30 anos e os parados de longa duración.
Por sectores, a maior baixada de desemprego foi no sector primario (-11,93%), seguido da construción (-11,47%) e da industria (-11,25%). En canto aos colectivos prioritarios, o desemprego descendeu nas mulleres (-7,96%), nos menores de 30 anos (-5,32%) e nos parados de longa duración (-6,05%). A cifra de desempregados xuvenís alcanzou o nivel máis baixo desde que se teñen rexistros (2005), e a de mulleres desempregadas é a máis baixa para un mes de xullo.
En termos mensuais, o paro mantívose practicamente estable en Galicia respecto ao mes de xuño, cun lixeiro incremento. Non obstante, o dato positivo vén dado polo aumento das afiliacións á Seguridade Social, situando a Galicia como a segunda comunidade autónoma con maior subida no último mes.
O conselleiro destacou que o Goberno galego continúa a implementar medidas para xerar máis e mellor emprego de calidade, tanto por conta propia como por conta allea. Estas accións baséanse no diálogo social cos principais axentes socioeconómicos e buscan afrontar retos como a falta de man de obra, mellorando a inserción laboral dos galegos, especialmente daqueles con maiores dificultades para atopar emprego, como os parados de longa duración.
Entre as medidas adoptadas, José González mencionou a modernización do Servizo Público de Emprego a través da ferramenta de Intelixencia Artificial, EMi, que facilita casar oferta e demanda laboral, incrementando así as oportunidades de emprego para as persoas que realmente desexan traballar.
Para impulsar o emprego por conta propia, o Goberno galego está a despregar a Rede de polos de emprendemento, que actualmente conta con 14 oficinas, cunha previsión de ampliarse ata 15 proximamente. Estas oficinas proporcionan apoio integral a emprendedores, fomentando a creación de novos negocios e fortalecendo o tecido empresarial galego.
O conselleiro rematou destacando a importancia de continuar traballando en colaboración cos axentes sociais e económicos para seguir mellorando as cifras de emprego en Galicia.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Últimos días para disfrutar do Artelemos

Seguinte Nova

Celega, recoñecida por AENOR polo seu compromiso co benestar animal e co medio ambiente

Últimas noticias sobre PORTADA

Que a festa non pare

O 11 de agosto comezan as Festas Patronais de Monforte 2024, unha celebración que promete encher

A %d blogueros les gusta esto: