Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno en Lugo, entregou ao alcalde de Chantada a MAVI: Maleta Viaxeira Contra a Violencia de Xénero
Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno en Lugo, entregou esta pasada semana ao alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, a “MAVI: a Maleta Viaxeira Contra a Violencia de Xénero”. Este acto forma parte dunha iniciativa para fomentar a igualdade e a reflexión sobre a violencia de xénero a través da lectura de textos con perspectiva feminista, dirixida tanto a adultos como a adolescentes.
A MAVI contén 11 libros de literatura xuvenil e para adultos, así como un diario onde os lectores poden plasmar as súas reflexións e opinións sobre os contidos. Entre as obras incluídas están “Insolación” de Emilia Pardo Bazán, “Soy una niña rebelde” de Elena Favilli e Francesca Cavallo, “Desarmar la masculinidad” de Beatriz Ranea Triviño, “La mujer del porvenir” de Concepción Arenal, “Maternidades S.A, el negocio de los vientres de alquiler” de Laura Nuño, “El bosque de los cuatro vientos” de María Oruña, “Mujeres invisibles para la medicina” de Carme Valls, “El lunes nos querrán” de Najat El Hachmi, “La revuelta de las putas” de Amelia Tiganus e “La tierra de las mujeres” de Sandra Barneda.
Isabel Rodríguez, acompañada pola Xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, María Luisa Castro, explicou que esta maleta busca achegar á cidadanía diferentes lecturas sobre feminismo, empoderamento e autoestima, co fin de favorecer o pensamento crítico na defensa da igualdade. “Queremos promover a reflexión arredor da violencia de xénero, polo que apostamos e facilitamos aos concellos que se sumen a loitar contra esta violencia estrutural”, sinalou a subdelegada, destacando a importancia da educación permanente para combater esta problemática.
Rodríguez tamén subliñou a importancia do carácter municipalista da iniciativa, indicando que “os concellos xogan un papel fundamental nesta loita, chegando a gran parte da poboación e especialmente a municipios rurais que poden ter menos acceso a este tipo de materiais”.
Con esta entrega, Chantada únese aos concellos de Barreiros e Cervantes, que xa contan coa súa propia MAVI. En total, son tres maletas as que están a percorrer a provincia de Lugo, con 36 libros que buscan mudar hábitos impostos por unha sociedade marcada por condutas sexistas e patriarcais. Outros municipios beneficiados por esta iniciativa inclúen Viveiro, Sarria, Vilalba, Quiroga, Trabada, Cervantes e Meira, así como os centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso.
A subdelegada reiterou a necesidade de continuar traballando por unha igualdade efectiva e real, destacando que “o goteo incesante de crimes machistas obríganos a volcarnos con distintas medidas”.•