O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, inauguraron a nova escollera de Rioseco, concluíndo así as obras de reparación do muro de contención derrubado durante o pasado inverno. A obra, situada á altura da pasarela peonil de Rioseco, foi esencial para estabilizar a zona e preparala para futuras infraestruturas.
José Tomé Roca explicou que a reparación do muro era unha urxencia para o Concello, pero a súa execución non era doada polos recursos municipais limitados. Por este motivo, solicitouse a colaboración da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. O presidente da Confederación respondeu de maneira rápida e eficiente á solicitude, entendendo a necesidade de solucionar un problema que podería afectar á rúa adxacente.
O Alcalde destacou a rapidez coa que se levou a cabo a obra, salientando que a área onde se atopa a pasarela peonil será o lugar por onde pasará a nova ponte prevista no proxecto de eliminación dos pasos a nivel de Rioseco e Juan Montes. Este proxecto, cuxo inicio de obras está previsto para finais de agosto ou principios de setembro deste ano, conectará todo o barrio de Rioseco coa futura rotonda que pasará por debaixo da vía férrea.
«A nova escollera é crucial para garantir a estabilidade e seguridade da zona, especialmente tendo en conta que se converterá nun punto neurálxico e estratéxico unha vez finalizadas as obras de supresión dos dous pasos a nivel», explicou Tomé Roca.
O Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, indicou que a obra tivo unha duración de cinco semanas e contou cun investimento de 44.000 euros. A intervención consistiu na reconstrución da escollera ao longo de 20 metros de lonxitude e 3,5 metros de altura. Ademais, instalouse unha manta con sementes de céspede para evitar o desprazamento das terras unha vez creza a vexetación, estabilizando definitivamente esta zona de ribeira e mellorando a capacidade de desaugue do regato.
Quiroga tamén subliñou a importancia de actuar con rapidez na execución das obras, sendo conscientes de que un atraso podería ter provocado un deterioro maior e, en consecuencia, unha inversión moito máis elevada.
A nova escollera non só asegura a estabilidade da zona, senón que tamén prepara o terreo para os futuros desenvolvementos urbanísticos do barrio.•