Inícianse as obras para a supresión dos pasos a nivel de Juan Montes e Rioseco

A previsión é que as obras dean comezo a finais de agosto ou principios de setembro, cun período de execución de 16 meses. Foto EnComún.

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou nunha rolda de prensa a comezos desta semana o inicio inminente das obras para a supresión dos pasos a nivel de Juan Montes e Rioseco, poñendo fin a sete anos de xestión e planificación. O anuncio, feito na compañía do Subdirector General de Pasos a Nivel de ADIF, Roberto Muela Gutiérrez, e da Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, marca un fito significativo para a cidade.
O proxecto abarca os pasos a nivel situados nos puntos quilométricos 361/620 e 361/845 das liñas Palencia-A Coruña, no traxecto Ourense-Monforte-Lugo. Tomé Roca destacou a importancia histórica desta iniciativa, subliñando que “en 44 anos de democracia é a primeira vez que isto se consegue”.
A solución adoptada consiste na construción dun paso inferior baixo a vía férrea, aproximadamente na metade entre os dous pasos a nivel, permitindo un tránsito seguro para vehículos e peóns. A obra incluirá tamén unha rotonda, unha ponte e cinco novas rúas, mellorando substancialmente a infraestrutura urbana e a fluidez do tráfico na área afectada.

NOVO ESQUEMA VIARIO
As novas rúas permitirán a comunicación desde a rúa Morín pasando por debaixo da vía ata a nova rotonda, que redistribuirá o tráfico cara a Juan Montes e Rioseco, a través dunha nova ponte que conecta co núcleo de Rioseco. Así mesmo, habilitarase a circulación pola marxe esquerda da vía, paralela á rúa Padre Feijóo, mediante unha rúa de nova construción que vai desde o xardín fronte ao bar A Ronda ata Juan Montes.
O proxecto inclúe tanto o paso inferior como a totalidade das novas rúas, a rotonda e a ponte xunto ao núcleo de Rioseco. Segundo o alcalde, isto suporá “un cambio tremendo para a zona da Estación”, revitalizando unha área con importantes beneficios para a mobilidade e seguridade dos residentes.

INVESTIMENTO E PRAZO DE EXECUCIÓN
A envergadura do proxecto reflíctese no investimento licitado en maio de 2023 por 8.250.582,49 euros máis IVE, destinado á asistencia técnica da redacción do proxecto, á expropiación de terreos e á realización da obra. A adxudicación realizouse á UTE integrada por Civis Global e Extraco por un importe de 6.881.088,60 euros.
As obras, previstas para comezar a finais de agosto ou principios de setembro, terán un período de execución de 16 meses, arredor dun ano e medio. Durante este tempo, espérase que a área entre Morín e os dous pasos a nivel ata Rioseco e Juan Montes experimenten unha transformación significativa, con 5 novas rúas, unha rotonda, un paso inferior e unha ponte, creando novas oportunidades urbanísticas no futuro.

COMPROMISO CO DESENVOLVEMENTO LOCAL
O Subdirector General de Pasos a Nivel de ADIF, Roberto Muela Gutiérrez, detallou os aspectos técnicos desta importante actuación, destacando os avances en mobilidade e seguridade que suporán. Pola súa banda, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, subliñou o compromiso do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible coa renovación integral do tramo Ourense-Monforte-Lugo, cualificando o investimento como “sen precedentes” para a provincia de Lugo no ámbito ferroviario.
Rodríguez eloxiou a capacidade do goberno para levar adiante proxectos que melloran a mobilidade nos concellos da provincia, conectando Lugo coa alta velocidade e revitalizando áreas clave como a estación de Monforte.

PROXECTO INTEGRADOR
O proxecto inclúe a construción de dous novos viais: un leste-oeste, entre as rúas Juan Montes e Rioseco, e outro norte-sur, que unirá estas rúas. O paso inferior contará cun vial de calzadas laterais en superficie para dar continuidade aos laterais da rúa Padre Feijóo, paralela ao ferrocarril.
A conexión do novo eixo leste-oeste coa rúa Morín bifurcarase para conectar tamén coa rúa Juan Montes, co fin de desconxestionar esta intersección coa rúa Ramón Cabanilles e para que os movementos procedentes da rúa Ferrocarril non precisen acceder a Morín para cruzar o paso inferior. Os novos viais serán bidireccionais, con beirarrúas en ambas marxes, agás as calzadas laterais do paso, que serán unidireccionais.

IMPULSO Á INFRAESTRUTURA FERROVIARIA
As obras enmárcanse nas actuacións de renovación do tramo Ourense-Monforte-Lugo, que conecta en Ourense co corredor de alta velocidade a Galicia. Estas melloras incrementarán a fiabilidade, confort e tempos de viaxe, beneficiando tanto aos usuarios do ferrocarril como á poboación local.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Ribeira Sacra pecha xullo cun 68% de ocupación e agarda un aumento ao 76-80% en agosto

Seguinte Nova

Clausurado o Campus de fútbol do Celta

Últimas noticias sobre PORTADA

Ir aInicio