O Club Quixós brilla na 3ª Copa Liga Galega Promoción Slalom e no Campionato de Europa de Augas Bravas

Foto: GPCM

O pasado 28 de xullo, Monforte de Lemos acolleu a terceira proba da Copa Galicia de Slalom, reunindo a 85 palistas de toda Galicia nas augas do río Cabe. Esta competición, organizada polo Club Quixós de piragüismo e co apoio do Concello de Monforte e a Deputación de Lugo, destacou polo alto nivel dos participantes e a excelente organización.
Os equipos procedentes de Dumbría, Mondariz, Salvaterra, Tomiño, Castrelo de Miño e Monforte de Lemos competiron en diversas categorías, tanto en masculino como en feminino, incluíndo Infantil C1, Alevín C1, Infantil K1, Alevín K1, Benxamín K1 e Prebenxamín K1. O Club Teixugos de Tomiño proclamouse vencedor por equipos, con 261 puntos, seguido do Club Quixós de Monforte, que acadou 252 puntos, e do club de Dumbría, que completou o podio con 170 puntos.
A entrega de medallas e premios logo de rematada a competición tivo lugar no paseo do Malecón, onde o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, fixo entrega dos galardóns aos mellores clasificados da xornada.
Pero as boas novas para o Club Quixós non remataron aí. O luns 5 de agosto, o alcalde de Monforte, José Tomé, homenaxeou aos cinco deportistas do club que destacaron no Campionato de Europa de Augas Bravas Junior e Sub-23, celebrado en Dallenwil, Suíza. Noa Díaz Quintián e Ximena Prats Moreiras brillaron especialmente, acadando a medalla de bronce na modalidade C1 patrullas e na modalidade clásica C2.

Foto: MONTERO


Efrén Álvarez Vázquez, Gabriel Rodríguez López e Jacobo Rodríguez López completaron a destacada actuación do club monfortino en Suíza. No acto, celebrado no Salón de Plenos da Casa do Concello, José Tomé destacou a importancia destes éxitos para a proxección internacional de Monforte e reiterou o compromiso do goberno municipal co deporte local. Ademais, recordou a posta en marcha en 2022 dunha liña de axudas dotada con 12.000 euros destinada a apoiar os clubs que compiten en campionatos nacionais e internacionais.
O alcalde tamén recibiu un emotivo agasallo por parte dos deportistas do Club Quixós: un póster enmarcado coas súas fotografías no Campionato de Europa, asinado por todos os participantes. Tomé, visiblemente emocionado, agradeceu o xesto e animou aos deportistas a seguir traballando para acadar novos éxitos que sigan situando a Monforte na elite do deporte.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Club Lemos comeza a súa pretemporada

Seguinte Nova

Que a festa non pare

Últimas noticias sobre DEPORTES

Ir aInicio

Don't Miss