
Vinous.com xunto co presidente do Consello Regulador da denominación de orixe Ribeira Sacra Antonio Lombardía. Foto CRDORS.
Joaquín Hidalgo, recoñecido crítico de viños e editor para Sudamérica e España na plataforma Vinous.com, pasou pola Ribeira Sacra, onde explorou viñedos e bodegas locais. A súa visita incluiu unha cata no Consello Regulador da Denominación de Origen Ribeira Sacra, onde tivo a oportunidade de degustar e avaliar os viños desta histórica rexión.
Durante a súa estancia, Hidalgo manifestou a súa admiración pola riqueza histórica e a diversidade da Ribeira Sacra. Subliñou o valor das cepas históricas da zona, comentando: “Esta é unha comarca que ten moita historia como para acotar o seu rexistro varietal. Apostar por un corazón de mencía e outras variedades que o complementen parece unha moi boa idea. E despois, se se quere, podes completar con outras variedades, como viños cen por cento brancellao, que me sorprendeu en termos de estilo de viño e lle dá outra profundidade, ábrete outras propostas”.
Con formación en Enoloxía e Xornalismo, Joaquín Hidalgo combina o seu coñecemento técnico coa súa paixón pola comunicación. Residente en Buenos Aires, escribe sobre viño e gastronomía para diversos medios e é cofundador de vinomanos.com, a primeira guía móbil de viños argentinos.
Hidalgo destacou a diversidade e o potencial da Ribeira Sacra, afirmando: “É pequena en termos de superficie pero moi diversa en termos de posibilidades, cunha grande variedade”. O crítico apuntou que o reto da Ribeira Sacra non é vitícola, senón enolóxico, e comentou que grazas a ideas locais e foráneas, atopou viños “con maior fineza pero reflectindo rusticidade ben traballada”.
Finalmente, Hidalgo subliñou que o desafío futuro da denominación de orixe Ribeira Sacra radica en traballar de cara a construir unha imaxe sólida a nivel internacional.•