O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, acusa a Monforte de invadir territorio de Neiras e asegura que a nova documentación fortalecerá a súa posición no TSXG
O Concello de Sober anunciou a decisión de presentar un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra a resolución da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, datada o 8 de xullo de 2024. Esta resolución resolvería o expediente de deslinde entre os termos municipais de Sober e Monforte.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, detallou que o Goberno local está convencido de que “temos razón” no conflito sobre o deslinde e que Monforte “invade unha parte da parroquia de Neiras onde está o polígono do Reboredo”. Fernández Guitián manifestou que a intención do Concello é interpor o recurso “con intención de gañar o preito”.
A comparecencia ante os medios contou tamén coa presencia do avogado Paulo López Porto, que se encargará de defender a posición do Concello de Sober no proceso xudicial. López Porto destacou que o recurso se basa en nova documentación que, segundo Fernández Guitián, é “comprometedora” para Monforte.
O conflicto sobre os lindes remóntase a 1927, cando se constrúe un aeródromo e se explana a zona do Reboredo. No ano 1935, unha disputa xurdiu entre veciños de Neiras e Piñeira sobre a plantación de cereal, marcando o inicio da discusión sobre os límites municipais. O Instituto Xeográfico Nacional estableceu en 1935 unha liña recta para resolver a desavinza entre os propietarios das fincas, pero o descoñecemento exacto da liña de unión entre os marcos existentes continuou xerando controversia.
Coa creación do polígono do Reboredo, Monforte elaborou un plan parcial que, segundo Sober, inclúe terreos que pertencen a este concello. Fernández Guitián mencionou que, desde entón, realizáronse a concentración parcelaria de Piñeira e o regadío Val de Lemos, afectando tamén a fincas de 21 veciños de Sober, que agora deberían ser restituidas.
O Concello de Sober achegará esta e outra documentación para argumentar que o concello de Monforte usurpou terreos e así reclamar os dereitos correspondentes tanto para o Concello como para os particulares afectados.•