
Quiroga inaugurou a exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía”, centrada na restauración e musealización da Casa da Matanza de Padrón, onde Rosalía de Castro pasou os últimos anos da súa vida. A deputada de Cultura, Iria Castro, acompañada polo equipo de goberno municipal, deu inicio á mostra, que forma parte dunha itinerancia pola Vicepresidencia da Deputación, que inclúe unha vintena de localidades.
Castro destacou a importancia de ampliar o coñecemento sobre Rosalía de Castro e a historia da casa, agradecendo a colaboración do goberno municipal e da área de Dinamización Lingüística, dirixida por Xosé Manuel Fernández. Fernández subliñou a satisfacción de acoller a exposición, que ofrece un detallado repaso á vida e obra de Rosalía.
A mostra, producida pola Fundación Rosalía e comisariada por Pepe Barro, está estruturada en seis capítulos e presenta paneis que evocan distintas estancias da casa, con documentos, fotografías e textos que narran a historia do edificio e o esforzo para convertelo en museo.•






