
O Concello de Pantón pon en marcha unha nova edición do Pantón en forma, un programa que inclúe clases de ximnasia de mantemento, pilates e aerobic-cardio, dirixidas a persoas de todas as idades e niveis de condición física. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 20 de setembro e as persoas interesadas poderán anotarse na Casa da Cultura.
Estas actividades deportivas teñen como obxectivo fomentar a práctica regular de exercicio, clave para a mellora da saúde física e mental. A ximnasia de mantemento está orientada a aumentar a mobilidade articular e a tonificación muscular, mentres que o pilates favorece a corrección postural, a flexibilidade e o equilibrio. Pola súa banda, o aerobic-cardio é ideal para mellorar a capacidade cardiovascular, a resistencia e para liberar tensións acumuladas.
A iniciativa busca tamén xerar un punto de encontro para a veciñanza, promovendo un estilo de vida activo e saudable e creando espazos de socialización en torno ao deporte.•