Chantada celebra a Romaría do Faro cunha multitude de fieis e a entrega de xoias á Virxe

Moita é a devoción que desperta Virxe do Faro. Fotos GPCCH.

O pasado domingo, 8 de setembro, Chantada viviu unha das súas festas máis arraigadas: a Romaría do Faro. Milleiros de fieis acudiron ao Monte Faro para honrar á Virxe do Faro nunha xornada que comezou na véspera, o 7 de setembro, co traslado da Virxe (a filla) desde a igrexa de Requeixo para atoparse coa Virxe (a nai) na ermida do Faro. Este tradicional encontro deu paso aos actos litúrxicos do día principal, celebrados no Santuario do Faro con misas cada hora desde as 8.00 da mañá, destacando a Misa Solemne das 13:00 horas, oficiada polo Bispo de Lugo, Alfonso Carrasco.
Nesta ocasión, durante a Misa Solemne, tivo lugar un emotivo acto no que se entregaron novas xoias ás imaxes da Virxe. As pezas foron elaboradas por 25 persoas de toda Galicia que participaron no obradoiro “Virxe do Faro” impartido pola ourive compostelá Susi Gesto. As xoias, que previamente foran exhibidas no Pazo de Sabadelle durante o mes de xuño na mostra “O tempo que ficou no olvido”, foron colocadas nas imaxes da nai e da filla, engadindo un toque especial á celebración.

Foto GPCCH.

Os romeiros, moitos dos cales chegaron á cima do Monte Faro a 1.155 metros de altura polo Camiño da Virxe, participaron activamente nos actos litúrxicos. Algúns fixeron o percorrido descalzos ou de xeonllos, demostrando a súa profunda devoción. Durante toda a mañá, as imaxes das Virxes estiveron expostas ao carón do altar ao aire libre, onde as mostras de fe foron continuas, con velas acesas e ofrendas por parte dos fieis. Os actos litúrxicos contaron co acompañamento musical do grupo O Trícole, que engalanou a celebración con cánticos tradicionais.
Tras a misa das 17:00 horas deste luns, a Virxe do Faro volveu descender a Requeixo, onde se celebrou unha liturxia final ás 19:30 horas. Esta romaría, que se repite cada 8 de setembro baixo o nome de Festa da Natividade no Faro Grande, é unha das citas máis esperadas polos devotos da comarca e mesmo de lugares afastados, sendo un evento que non só honra á Virxe, senón que tamén serve como punto de encontro para familias e veciños de Chantada e arredores.
O alcalde Manuel Lorenzo Varela destacou a relevancia desta celebración, tanto a nivel relixioso como cultural, sinalando que “A Romaría do Faro atrae cada ano a milleiros de fieis que desfrutan do 8 de setembro neste lugar tan emblemático para as xentes de Chantada. Mestúranse festa e devoción, xuntando a familias enteiras que pasan aquí a xornada. Co acto de hoxe, amosamos o noso apoio a todo o que supoña poñer en valor o noso patrimonio e dignificar os nosos costumes e tradicións”. A Romaría do Faro é unha mostra viva da identidade e da fe da comunidade, que ano tras ano se reúnese no Monte Faro para honrar ás súas tradicións.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Balance postivo das Festas Patronais de Chantada

Seguinte Nova

O CEIPde Quiroga arrinca o curso con máis matriculados que o curso pasado

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: