Sarria protagonista das primeiras etapas da Volta a Galicia 2024

O vicepresidente da Deputación de Lugo e Efrén Castro e o presidente da Federacion Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, presentaron as etapas lucenses da proba. Foto GPVDL.

A Volta a Galicia 2024 arrincou con éxito en Sarria, que acolleu as dúas primeiras etapas desta competición de ciclismo Elite Sub-23. A localidade lucense, reafirmou o seu protagonismo no panorama ciclista galego ao ser o punto de partida e chegada das xornadas iniciais, celebradas o 12 e 13 de setembro.
A presentación oficial das etapas lucenses tivo lugar na rúa Maior de Sarria, nun acto no que participaron o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz. Castro destacou a importancia do evento para a dinamización económica e social da comarca, grazas ao influxo de público e á loxística que a proba trae consigo, ademais de poñer en valor a riqueza natural e patrimonial da zona.
A primeira etapa, unha contrarreloxo individual de 7,1 quilómetros, percorreu as rúas de Sarria, con saída na rúa da Liberdade e meta na rúa Maior, xusto fronte á Igrexa de San Salvador. A proba reuniu aos mellores ciclistas das categorías Sub-23 e Elite, nun percorrido que combinou a paisaxe urbana coa contorna natural da localidade, atraendo a numeroso público que se congregou ao longo do trazado.
A segunda etapa, cun trazado de 160 quilómetros, saíu tamén da rúa da Liberdade en Sarria, e percorreu un circuíto que incluíu concellos das comarcas de Sarria e Lugo, como Samos, Láncara, O Páramo, O Corgo, Castroverde, Baralla e Lugo (Nadela). Con dous portos de terceira categoría en Montán (Samos) e Sobrado (Baralla), o itinerario destacou polo seu perfil de media montaña, combinando tramos rápidos con zonas máis técnicas e “rompepernas”. A saída neutralizada iniciouse ás 12:00 horas, marcando o comezo dunha intensa xornada.
Nesta edición, a Volta a Galicia consta de catro etapas que percorren máis de 450 quilómetros polas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, finalizando en Sanxenxo. Con 112 ciclistas de 16 equipos participantes, incluíndo oito formacións galegas e outras de diferentes comunidades españolas e mesmo internacionais, a proba mantense como un trampolín esencial para os ciclistas que aspiran a dar o salto ao profesionalismo.
A celebración da Volta a Galicia en Sarria non só pon en valor o potencial da vila como anfitrioa de eventos de grande envergadura, senón que tamén contribuíu a fortalecer o seu vínculo co ciclismo e a proxección turística da comarca, mostrando os atractivos paisaxísticos e culturais que caracterizan esta zona de Galicia.
Pola súa parte, o conselleiro de Deportes, Diego Calvo, durante a presentación da Volta a Galicia 2024 que tivo lugar en Santiago, destacou a importancia de eventos como a Volta a Galicia para a promoción turística e deportiva de Galicia.

IMPORTANTE PARTICIPACIÓN
Na edición deste ano están a competir 18 equipos, oito deles galegos. Trátase de Equipo Cortizo, Supermercados Froiz, Vigo Rías Baixas, High Level G. Tormo, Lasal Cociñas-Craega, Team Oiense Escuela Estévez, Retelec Ambilampe e Club Ciclista Vigués. A eles súmanse formacións doutras comunidades como Madrid, Navarra, Estremadura, Cantabria, Castela e León e Aragón, e mesmo doutros países como Colombia, Francia ou Portugal.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Acusacións mutuas entre PP e PSdeG, a conta da subida do canon de Sogama

Seguinte Nova

A Deputación impulsa Marela!, un programa para fortalecer a Raza Rubia Galega

Últimas noticias sobre DEPORTES

Ir aInicio

Don't Miss