A Vicepresidencia da Deputación de Lugo vén de presentar no a comezos de mes no Pazo de San Marcos o programa Marela!, unha iniciativa destinada á promoción e potenciación das reprodutoras inscritas da Raza Rubia Galega nas explotacións gandeiras da provincia de Lugo. O deputado de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, foi o encargado de desglosar os detalles deste proxecto, que busca fortalecer o sector gandeiro como un piar estratéxico da economía lucense e favorecer a fixación de poboación no medio rural.
Marela! conta cun orzamento de 200.000 euros e destinará axudas de 400 euros por animal, cun máximo de seis animais por granxa que cumpran os requisitos estipulados nas bases. En total, beneficiaranse 500 reprodutoras da Raza Rubia Galega. As bases do programa levan dispoñibles dende o luns, 2 de setembro, no Boletín Oficial da Provincia de Lugo e na web da Deputación.
Daniel García salientou que o programa Marela! nace para apoiar a un sector que leva anos sufrindo as consecuencias de diversas crises, incluíndo a pandemia da COVID-19, o aumento dos custos de produción pola guerra de Ucraína, e as dificultades xeradas pola burocracia das axudas da nova PAC. Ademais, mencionou os recentes problemas de sanidade animal como a EHE e a lingua azul que afectaron ás ganderías.
Poderán beneficiarse das axudas tanto persoas físicas como xurídicas titulares de explotacións gandeiras en Lugo, que críen bovinos de pura raza Rubia Galega con reprodutoras nacidas nas súas propias granxas e rexistradas no Libro Xenealóxico durante o ano 2023.
Os animais deben cumprir unha serie de requisitos, incluíndo ter superado un parto antes dos 30 meses, non presentar defectos e obter un resultado positivo en probas de filiación cos seus proxenitores.
O deputado tamén destacou a relevancia do sector do vacún de carne no tecido económico da provincia, sinalando que Lugo acolle máis da metade das granxas galegas, o que reflicte o papel estratéxico deste sector no agro lucense. «As vacas forman parte da nosa identidade, cultura e sustento», defendeu García, subliñando a importancia de programas coma Marela! para apoiar aos gandeiros e gandeiras da provincia.
As solicitudes deberán rexistrarse antes do 23 de setembro, a través da sede electrónica da Deputación de Lugo ou fisicamente no Rexistro provincial, e tramitaranse por orde de entrada conforme se recolle nas bases.•
Últimas noticias sobre AXUDAS
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar dúas ordes de axudas da Consellería de
A Xunta de Galicia acaba de lanzar unha nova convocatoria da liña de axudas para a
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración lembra que o prazo de solicitude das axudas autonómicas
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, vén de convocar
A Xunta de Galicia, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), acaba de anunciar a