Aínda están abertas as axudas para iniciativas de base tecnolóxica

Cun orzamento de medio millón de euros, contémplanse achegas para os gastos do primeiro ano, as contratacións indefinidas, a conciliación e a función de xerencia. Foto Envato.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración lembra que o prazo de solicitude das axudas autonómicas para iniciativas de base tecnolóxica (IEBT) segue aberto ata o 30 de setembro. Este programa, que leva 23 anos en funcionamento, dispón dun orzamento de medio millón de euros para apoiar aos emprendedores no primeiro ano de actividade, con achegas que poden alcanzar os 24.000 euros para a creación de emprego estable ou ata 30.000 euros para o inicio e posta en marcha das iniciativas empresariais.
O obxectivo destas axudas é fomentar o espírito emprendedor entre persoas investigadoras e tituladas universitarias, facilitando que os resultados dos seus traballos desemboquen na creación de novas empresas, dinamizando así o emprego científico e tecnolóxico en Galicia. Os proxectos son avaliados previamente por equipos especializados, asegurando que contan coas mellores perspectivas de consolidación e permanencia.
As axudas distribúense en catro liñas principais: creación de emprego estable, con achegas de ata 24.000 euros; posta en marcha da actividade, cun máximo de 30.000 euros; apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar, con ata 3.000 euros; e apoio á función xerencial, cun máximo de 10.000 euros. Este ano, a axuda mínima por persoa desempregada contratada en postos de traballo indefinidos increméntase dos 6.000 euros habituais ata 8.000 euros para colectivos específicos, como menores de 30 anos, maiores de 52, mulleres, emigrantes retornados ou estranxeiros.
Ademais, as achegas poderán incrementarse nun 25% adicional se o centro de traballo se sitúa nun concello rural ou en outros supostos específicos. Entre os gastos cubertos pola liña de posta en marcha inclúense servizos de notaría e rexistro, compra de materias primas, aluguer de locais ou equipos, seguros, publicidade e creación de páxinas web.
As axudas á conciliación permitirán sufragar ata o 75% dos custos dos servizos de coidado de menores, maiores ou dependentes contratados polos impulsores das iniciativas. Pola súa parte, os apoios á función xerencial inclúen achegas para a formación do empresario ou para a contratación externa de análises, estudos ou informes que contribúan ao desenvolvemento da empresa.
O impulso do emprendemento tecnolóxico segue sendo un piar fundamental para captar e reter talento nun sector clave para a economía galega, composto por máis de 3.000 empresas que dan emprego a 22.000 persoas.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Deputación impulsa Marela!, un programa para fortalecer a Raza Rubia Galega

Seguinte Nova

Curso de Primeiros Auxilios no Incio

Últimas noticias sobre AXUDAS

A %d blogueros les gusta esto: