A xuntanza, que reuniu a 400 palilleiras e 12 comerciantes, contribuiu a dinamizar o turismo e o comercio local

Monforte acolleu este pasado venres, 6 de setembro, o “III Encontro de Palilleiras de Monforte de Lemos, Capital da Ribeira Sacra”, que se desenvolveu na explanada da Compañía con gran éxito de público e participación. A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, foi a encargada de inaugurar o evento, ao que asistiron 400 palilleiras de 30 asociacións de distintos puntos de Galicia, así como de Toral de los Vados e Bembibre, en Castela e León.
Durante o acto inaugural, Gloria Prada estivo acompañada pola presidenta da Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra, Sesé Vila, e varios membros da corporación municipal, incluíndo os concelleiros de Cultura, Sanidade, Muller e Igualdade, Consumo e Deportes. Na súa intervención, a Tenente de Alcalde deu a benvida ás participantes e destacou o obxectivo principal do encontro: “amosar e poñer en valor a arte de palillar”. Prada subliñou que Monforte, como capital da Ribeira Sacra, é o lugar ideal para acoller un evento desta magnitude, debido á súa repercusión mediática e ao seu atractivo turístico, tanto dentro como fóra de Galicia.
O evento tamén contou cunha zona de venda con 12 comerciantes especializados en produtos para palillar, procedentes de diversos puntos de Galicia, Madrid e Burgos, contribuíndo así á dinamización económica da cidade. Gloria Prada resaltou o impacto positivo do encontro no comercio e na hostalaría local, indicando que este tipo de eventos son claves para promover o turismo.
Ademais de invitar ás palilleiras a descubrir os atractivos turísticos da zona.
A xornada festiva continuou coa actuación do Grupo de Gaitas do Concello de Monforte, que deu a benvida ás participantes coas súas melodías. Tamén se fixo entrega dun agasallo institucional ás 30 mestras palilleiras presentes no encontro, mentres que a Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra elaborou un detalle conmemorativo con encaixe de cores para todas as participantes.•