
O Concello de Pantón será o promotor do obradoiro de emprego Ricra VIII, unha das 17 iniciativas aprobadas pola Xunta de Galicia na provincia de Lugo. Este obradoiro, que contará cunha duración de 9 meses, ten como obxectivo ofrecer formación teórico-práctica a 20 participantes desempregados dos concellos de Pantón, Sober e O Saviñao, cun enfoque en mellorar as súas oportunidades laborais en sectores con alta demanda, como a atención sociosanitaria, a construción, o sector forestal ou de viveiros e xardíns, entre outros.
O programa Ricra VIII enmárcase dentro do investimento de máis de 7,1 millóns de euros que a Xunta destina aos obradoiros de emprego duais en Lugo, co obxectivo de apoiar a formación profesional e os custos salariais dos contratos subscritos cos participantes.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou que estes obradoiros non só buscan incrementar a empregabilidade das persoas participantes, senón tamén mellorar as dotacións públicas e a calidade dos servizos municipais.
A selección dos participantes priorizará a persoas con especiais dificultades de inserción, incluíndo mulleres, vítimas de violencia de xénero, desempregados de longa duración, maiores de 45 anos e persoas sen títulos universitarios ou de FP de grao superior.
Tamén se dará preferencia a persoas con discapacidade, beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia ou aquelas que teñan previsto este tipo de medidas nos seus itinerarios de inserción laboral.
Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia leva investidos máis de 490 millóns de euros en case un milleiro de obradoiros duais, cun total de preto de 21.000 participantes en toda Galicia.•