Institucións como a Deputación, claustros de profesores como o do IES Río Cabe de Monforte e grupos políticos como IGV, demandan solucións urxentes
No pasado pleno a Deputación de Lugo aprobou unha proposta presentada polo goberno provincial para esixir á Xunta de Galicia que resolva de forma inmediata a falta de profesorado e recupere a gratuidade dos libros de texto no presente curso escolar. A proposta saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG, e a abstención do Partido Popular. Pilar García Porto, voceira socialista do goberno provincial, subliñou que o inicio do curso 2024-2025 está marcado polas deficiencias no sistema educativo, especialmente no rural, e acusou á Xunta de mostrar unha «actitude triunfalista» que non se corresponde coa realidade que denuncian familias e docentes.
Segundo García Porto, o goberno galego ofertou 1.512 prazas de profesorado nas últimas oposicións, pero só cubriu 1.256, deixando sen cubrir 256 vacantes. Estas prazas, segundo a voceira, responden a «necesidades reais» que non están sendo atendidas, o que provoca unha grave carencia de profesionais nos centros educativos, especialmente na provincia de Lugo. Esta situación afecta directamente á educación no rural, onde a falta de recursos humanos e materiais se agrava co incumprimento das ratios de alumnado por aula, pactadas previamente con sindicatos.
A modo de mostra, no IES Río Cabe de Monforte, o claustro de profesores vén de expresar a súa preocupación pola perda de dúas docentes de Pedagoxía Terapéutica (PT), fundamentais para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais. O centro, considerado un referente en inclusión, conta este ano con 30 horas de apoio educativo, fronte ás 60 do curso anterior, o que dificulta o seu funcionamento e compromete a atención ao alumnado máis vulnerable. Os docentes denuncian que o aumento de estudantes no centro, sen un incremento proporcional do persoal, deixa en precario o traballo realizado ata o momento e pon en perigo a continuidade dos programas de reforzo educativo.
Por outra parte, desde o grupo político Interior Galego Vivo (IGV), Paula Vázquez Verao criticou duramente os recortes aplicados pola Xunta na zona da Ribeira Sacra, un territorio que aspira a ser recoñecido como Patrimonio Mundial. IGV denuncia que estes recortes son especialmente lesivos para o ensino rural, onde a falta de profesorado e o incumprimento das ratio prexudican gravemente á calidade educativa. Ademais, reclaman que as alcaldías da zona se unan para facer fronte común e demandar da Xunta a dotación de máis medios humanos e materiais nos centros educativos.
O comunicado do claustro do IES Río Cabe foi contundente ao sinalar que o sistema educativo debe ser garante de inclusión e igualdade de oportunidades.
Neste contexto, a Deputación de Lugo insta á Xunta a restaurar de inmediato as prazas de profesorado eliminadas, cumprir coas ratios acordadas, e garantir a presenza de profesores de apoio, con especial atención ao rural. A proposta tamén inclúe a demanda dun plan para incrementar as prazas de educación infantil e mellorar a atención aos nenos con necesidades educativas especiais, a fin de asegurar unha educación inclusiva e de calidade en toda a comunidade. •