
A Xunta de Galicia acaba de lanzar unha nova convocatoria da liña de axudas para a rehabilitación de vivendas nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra. Cunha dotación económica total de 1,2 millóns de euros, esta iniciativa pretende dar continuidade ao proceso de recuperación e posta en valor das contornas históricas e paisaxísticas polos que discorren estas rutas de gran valor cultural.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou o concello de Vilamarín, onde puxo de relevo a importancia destas achegas. Durante a súa visita a unha vivenda rehabilitada grazas ás axudas da ARI dos Camiños de Santiago, Allegue destacou a aposta decidida da Administración autonómica por fomentar actuacións que revitalicen os lugares e vilas a través dos que discorren os itinerarios xacobeos e o enclave da Ribeira Sacra.
Na súa intervención, a conselleira destacou como exemplo desta política de rehabilitación a reforma dunha vivenda no lugar de Bouzas, en Vilamarín. Esta intervención contou cunha achega de 34.000 euros e supuxo a recuperación dun conxunto de catro edificacións en ruínas, que foron transformadas nunha vivenda unifamiliar. “Estas actuacións permiten seguir a construír fogares e poñer en valor as contornas e vilas onde se realizan as intervencións”, subliñou Allegue, quen tamén fixo fincapé na importancia de seguir impulsando este tipo de proxectos para mellorar a calidade de vida dos residentes e dinamizar as economías locais.
No marco desta nova convocatoria, a Xunta destina 865.387 euros ás rehabilitacións na ARI dos Camiños de Santiago e 361.544 euros á da Ribeira Sacra. Estas axudas, que poden solicitarse ata o 23 de outubro, están xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IG S) e están dirixidas a comunidades de propietarios, agrupacións de comunidades, agrupacións de propietarios, así como a persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas que cumpran cos requisitos esixidos.
Para optar a estas axudas, é imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS, que se obtén despois de realizar as obras de rehabilitación. Ademais, previamente é necesario obter a cualificación provisional, un trámite que se pode realizar por vía electrónica na sede da Xunta e que ten o prazo aberto ata xuño de 2025. Unha vez rematadas as obras, os solicitantes deben comunicar o fin das actuacións e xustificalas para poder acceder á cualificación definitiva e, en consecuencia, á convocatoria de axudas.
As axudas cubrirán ata o 50% do importe subvencionable das actuacións, un límite que pode chegar ao 75% se a unidade de convivencia promotora da rehabilitación conta con ingresos inferiores a tres veces o IPREM, ou se as obras inclúen melloras de accesibilidade para persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.
O importe máximo das axudas pode alcanzar os 30.000 euros, facilitando así a recuperación de patrimonio e a mellora da calidade de vida nas zonas beneficiadas.•



