A dixitalización avanza en Galicia: preto do 70% das persoas maiores de 65 anos utilizan internet

A dixitalización da sociedade galega continúa en aumento, especialmente entre a poboación maior. Segundo o estudo Seniors Dixitais. Edición 2023, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), case o 70% dos galegos e galegas de máis de 65 anos empregan internet, o que supón un incremento do 10% respecto ao ano anterior. Esta tendencia tradúcese en que máis de 54.300 persoas maiores se sumaron ao uso da rede entre 2021 e 2023, destacando que este grupo representa máis dunha cuarta parte da poboación galega.

aumento do uso de internet entre os galegos de máis de 74 anos
O informe, que se publicou no portal de OSIMGA, tamén indica un aumento notable do uso de internet entre os galegos de máis de 74 anos, con crecementos de case un 12%, aínda que a porcentaxe de internautas desta faixa de idade é do 22,5%. Un aspecto significativo do estudo é o incremento do comercio electrónico entre as persoas maiores: nas de 74 anos ou máis, o uso deste servizo creceu máis dun 40% en dous anos, cun 16% que realiza compras en liña. Entre os de 65 a 74 anos, a porcentaxe de usuarios que compran online roza o 20%.

XESTIÓN COAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS
Ademais, máis do 43% dos maiores de 65 anos utilizou internet para realizar xestións coas administracións públicas, principalmente para buscar información e enviar formularios.

BANCA ELECTRÓNICA
No presente ano, afírmase que a banca electrónica, a xestión de citas médicas a través de páxinas web ou apps, así como a busca de información sobre temas de saúde, están en aumento. Así, máis do 55% dos internautas maiores de 65 anos utilizan a banca electrónica, e un 41,1% dos de máis de 74 anos tamén empregan este servizo.

XESTIÓN DE CITAS MÉDICAS
En canto á xestión de citas médicas, preto do 50% dos internautas de 65 a 74 anos xa solicitan as súas citas por internet, mentres que esta porcentaxe é do 36,1% para os maiores de 74 anos.

FENDA DIXITAL DE XÉNERO
O estudo tamén aborda a fenda dixital de xénero, que mostra un acceso a internet case idéntico entre homes e mulleres de 65 a 74 anos, pero que se amplía a partir dos 74, onde os homes superan as mulleres en máis de 6 puntos (26,1% para homes e 20% para mulleres).

USO DE DISPOSITIVOS ELECTRÓNICOS
O uso de internet está asociado ao aumento dos dispositivos electrónicos entre as persoas de máis de 65 anos. O estudo revela que o 70,3% dos galegos de 65 a 74 anos xa utilizan smartphones, e preto do 30% dos maiores de 74 tamén empregan estes dispositivos. En relación aos ordenadores, un terzo dos galegos de 65 a 74 anos os usan, mentres que só máis do 8% dos maiores de 74 os utilizan.

USO DE INTERNET NOS FOGARES GALEGOS
Cando se analiza o acceso a internet nos fogares, o 63,1% dos fogares con persoas maiores de 74 anos dispoñen de conexión, o que representa un incremento do 2,6% con respecto ao ano anterior. Ademais, máis do 71% destes fogares conta cunha velocidade de conexión igual ou superior a 30 Mbps.
Os resultados completos do informe Galicia: A nosa vida en dixital están dispoñibles na páxina web de OSIMGA, onde se poden consultar todos os datos sobre a dixitalización e o uso de internet entre os galegos.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

As adegas do Saviñao apoian a Plataforma Pacto Frente a Eólicos

Seguinte Nova

Mercedes Peón presentou «Ingrávida» no Festival “As Cores do Outono”

Últimas noticias sobre SOCIEDADE

Ir aInicio

Don't Miss