O evento propón unha reflexión sobre as novas tendencias na artesanía e o seu impacto no desenvolvemento rural galego
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, foi o encargado de inaugurar en Chantada as xornadas Novas artesanías para novas ecoloxías. Acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, o conselleiro salientou que este encontro ofrece unha oportunidade para coñecer, compartir e reflexionar sobre novas miradas arredor da artesanía.
Desenvólvense mesas de debate e conferencias que abordaron as posibilidades dos materiais, a natureza e os saberes tradicionais. O obxectivo era abrir as portas a unha nova relación co medio social, cultural e produtivo que combine innovación e deseño contemporáneo coa preservación das técnicas tradicionais. Estas actividades, que promoven a reflexión sobre o futuro da artesanía, foron precedidas do obradoiro Biocerámica: Narrativas da paisaxe e da súa cultura. Neste taller, desenvolvido durante varios días, participaron unha vintena de profesionais do sector que exploraron novas técnicas de manipulación de arxila e fibras vexetais.
José González destacou o traballo de Raquel Buj, arquitecta e deseñadora especializada en biomateriais, e de Carlos Jiménez Cenamor, ceramista e gañador do Premio Produto Artesán 2023, que dirixen as xornadas desta fin de semana. Ademais, agradeceu a colaboración do Espazo Vilaseco, que acolle o evento, co que a Fundación Artesanía de Galicia leva colaborando desde o ano pasado no marco do programa Novos presentes e futuros.
O conselleiro aproveitou a súa intervención para defender o potencial da Galicia non urbana como xeradora de novas vías de desenvolvemento cultural, social, medioambiental e económico, facendo fincapé no valor dos biomateriais, os oficios tradicionais, os recursos locais, a ecoloxía e a economía circular. As xornadas, explicou, son unha mostra do compromiso da Xunta co impulso deste sector clave, representado polos máis de 800 obradoiros inscritos no rexistro xeral de artesanía, que xeran emprego, dinamizan o rural e contribúen a vertebrar o territorio galego.
Entre as iniciativas destacadas durante o evento, subliñouse que o prazo para presentar candidaturas aos Premios Artesanía de Galicia 2024 segue aberto ata o 27 de setembro. Estes galardóns contan con tres categorías: Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Gesto.
Tamén se anunciou a apertura de novas prazas para o programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, unha iniciativa pioneira que busca garantir a continuidade xeracional dos oficios artesáns. Os cursos inclúen formacións en forxa, ourivería, olería de Buño, sombreirería e xastrería.•