Artesanía Alimentaria dispón dunha páxina web na que se poden consultar os operadores adheridos a este distintivos

súa calidade e promovendo a economía local
Desde a súa creación no 2020 pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, o selo de Artesanía Alimentaria non deixou de medrar, sumando preto de 100 empresas galegas certificadas. Esta marca de calidade diferenciada ten como obxectivo estruturar o sector alimentario en Galicia, conforme aos requisitos da Unión Europea, protexer os artesáns galegos e evitar etiquetaxes enganosas, ademais de conservar as técnicas tradicionais profundamente enraizadas na cultura galega.
Nos últimos meses tramitáronse novas solicitudes para que máis operadores se unan a esta iniciativa. Estes novos operadores deberán cumprir algunha das 16 normas técnicas aprobadas desde a creación do selo. Entre estas, destacan a produción de derivados lácteos e cárnicos, produtos da pesca, acuicultura e marisqueo, así como a elaboración de viños, licores, cervexas e sidra.
Outras normas técnicas vixentes regulan a manipulación de mel e produtos apícolas, a elaboración de marmeladas, conservas vexetais, fariñas e derivados do cacao, así como produtos de panadaría, confeitaría, e aceites de oliva. Ademais, este selo protexe elaboracións menos comúns como conservas e derivados da helicicultura (cría de caracois).
A incorporación de novas empresas e artesáns a este selo reflicte o compromiso coa calidade e coas técnicas tradicionais de Galicia, garantindo que os produtos elaborados respecten o saber facer ancestral transmitido xeración tras xeración. Así mesmo, asegura aos consumidores que están a adquirir produtos auténticos e de alta calidade, realizados por artesáns que cumpren cos esixentes requisitos deste selo.
O selo de Artesanía Alimentaria tamén aposta pola transparencia e proximidade, dispoñendo dunha páxina web onde se poden consultar todos os operadores adheridos e obter máis información sobre as diferentes categorías e requisitos. A través desta plataforma, a cidadanía ten acceso a un directorio de empresas e produtos certificados, facilitando o consumo consciente e responsable de alimentos artesanais que forman parte do patrimonio cultural e gastronómico de Galicia.•
O distintivo impulsado pola Xunta de Galicia protexe o bo facer dos artesáns e preserva as elaboracións tradicionais

Galicia posúe unha rica tradición na creación de produtos alimentarios artesanais de alta calidade, profundamente arraigados na súa cultura popular e moi valorados polos consumidores. A Xunta, a través do selo de Artesanía Alimentaria, impulsa a protección e promoción destes produtos fronte á produción estandarizada, garantindo a súa ligazón coas materias primas de calidade, as estruturas produtivas tradicionais, o medio rural e litoral, e o respecto polo medio natural.
O selo busca promover as pequenas producións artesanais de alimentos de calidade, favorecendo a diversificación das explotacións agrarias e incrementando o valor das producións locais.
Fotos GPXG.