O Concello inviste máis de 17.000 euros na rehabilitación das zonas afectadas polas crecidas do inverno, mellorando a capacidade hidráulica e a seguridade da contorna

O Concello de Monforte anunciou a finalización das tarefas de mantemento e conservación das marxes do río Cabe, traballos que se iniciaron o pasado 2 de setembro. O obxectivo destas obras foi reparar os danos causados polas crecidas do río durante o inverno e previr afeccións futuras a infraestruturas e espazos públicos. O alcalde, José Tomé Roca, destacou a importancia destas actuacións, que, ademais de mellorar a estabilidade das marxes, contribúen a preservar o uso social do río e a garantir a seguridade de todos os veciños e veciñas.
As intervencións, que contaron cun orzamento total de 17.486,03 euros, foron executadas ao abeiro dun acordo entre a Deputación de Lugo e a empresa pública Tragsa, responsable do mantemento das zonas verdes municipais, incluíndo a contorna do río Cabe. O alcalde resaltou a relevancia do río para a cidade, tanto como elemento natural que mellora a paisaxe como recurso fundamental para o ecosistema local e a seguridade dos habitantes de Monforte.
«Tralo inverno, as crecidas do río causaron danos significativos nas marxes, afectando a varios puntos críticos que tiñan que ser reparados para garantir a súa estabilidade», explicou José Tomé. «Con estas obras, non só restauramos as zonas afectadas, senón que tamén reforzamos as infraestruturas para previr danos en futuros episodios de crecida», engadiu.
As actuacións de mantemento e conservación das marxes do río Cabe desenvolvéronse en dous tramos principais. Nun primeiro tramo, ao longo duns 30 metros, a intervención centrouse na recuperación e estabilización da marxe fluvial, empregando técnicas tradicionais de construción en escollera. Esta técnica, que utiliza grandes bloques de pedra para estabilizar a terra, foi necesaria debido á proximidade dun paseo frecuentado polos veciños e á presenza de muros pertencentes a fincas particulares, cuxo deterioro podería comprometer a seguridade das propiedades e dos viandantes.
Nun segundo tramo, a intervención realizouse nunha zona xa estabilizada previamente mediante escolleras, pero que presentaba varios puntos debilitados polas intensas correntes fluviais. Estas debilidades xeraron ocos nos muros de contención, o que podería comprometer a súa efectividade. Para resolver este problema, procedeuse a rechear os ocos con pedras de similares características ás xa existentes, impedindo así que a auga erosionase máis o interior das estruturas.
Para garantir unhas condicións óptimas de traballo, foi necesario que o nivel do río Cabe estivese o máis baixo posible. Por este motivo, o Concello decidiu levar a cabo as obras durante a época de estiaxe, cando os caudais fluviais son menores. Ademais, procedeuse a abrir a presa do Parque dos Condes, o que permitiu rebaixar o calado na zona das actuacións e facilitar o acceso ás marxes afectadas.
O alcalde destacou que «estas actuacións permiten que todos poidan seguir desfrutando do río Cabe en condicións óptimas, ao tempo que melloran a capacidade hidráulica do río e reducen o risco de afectacións a infraestruturas durante as crecidas do río”.•



