
O Partido Popular de Monforte deu inicio ao curso político cunha reunión con afiliados e simpatizantes, na que participaron a presidenta provincial, Elena Candia, e o voceiro do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide.
Durante a xuntanza, Katy Varela, presidenta do PP de Monforte, subliñou que o principal reto é a solución aos problemas de abastecemento de auga no municipio. “Todos os monfortinos estamos fartos das constantes mentiras de Tomé sobre o subministro de auga, que se repiten semana tras semana”, afirmou. Varela chamou a ser máis esixentes co goberno actual, destacando a falta de proxecto futuro para Monforte.
Ademais, Elena Candia e Antonio Ameijide enfatizaron a importancia de reclamar mellores servizos ferroviarios e a chegada da Alta Velocidade.
A presidenta provincial do Partido Popular Elena Candia recordou que a provincia de Lugo continúa sendo a máis illada de España, e pediu que se retomen os compromisos previos do goberno de Mariano Rajoy para garantir unha conexión ferroviaria adecuada.•