
O pasado domingo, Salcedo acolleu unha andaina para presentar os traballos arqueolóxicos realizados na cuarta campaña en Penas do Castelo. Guiados pola arqueóloga Nerea Vilariño e a restauradora Alba Losada, os participantes puideron descubrir as novidades da investigación deste enigmático lugar. Entre os achados, destaca a identificación dunha posible estrutura de almacenaxe de cereal no interior do xacemento, que suxire a importancia económica da zona.
Os visitantes tamén puideron observar os progresos na restauración da monumental muralla que rodea o sitio, un paso significativo na posta en valor dos restos arqueolóxicos. A xornada finalizou no núcleo de Salcedo, onde se atopa un mural na granxa da Sinda, que ilustra elementos do proxecto de Penas do Castelo.
Os traballos arqueolóxicos contaron co financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como co apoio do Concello da Pobra do Brollón e da Comunidade de Montes de Salcedo.•




