Galicia rexistra a cifra de paro máis baixa nun mes de setembro desde 1996

A comunidade galega acada 1.085.846 persoas afiliadas á Seguridade Social, o número máis elevado desde 2008 para un mes de setembro

O mercado laboral en Galicia segue a mostrar unha evolución positiva ao alcanzar en setembro de 2024 a cifra de paro máis baixa nun mes de setembro desde que hai rexistros, con 120.992 persoas desempregadas. Así o destacou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, ao valorar os últimos datos de paro e afiliacións á Seguridade Social. Galicia conta con 1.085.846 persoas afiliadas, o número máis elevado nun mes de setembro desde 2008, e cun incremento de 14.734 persoas en relación co mesmo mes do ano pasado.
O conselleiro salientou que, aínda que setembro adoita ser un mes no que o paro sobe levemente debido á finalización de contratos temporais, a evolución anual do desemprego é moi positiva, cunha caída do 7,39%. Este descenso sitúa a Galicia como a terceira comunidade autónoma con maior redución de paro no último ano, superando en case dous puntos a baixada do conxunto do Estado.
Por provincias, o desemprego descendeu en todas as galegas e en todos os sectores de actividade. A construción e o sector primario foron os que lideraron a baixada, con descensos do 11,85% e 12,63%, respectivamente. Tamén se rexistrou unha caída do paro entre colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta, como as mulleres (-7,45%), os menores de 30 anos (-7,12%) e os parados de longa duración (-7%).

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, valorou os datos de paro de setembro. Foto GPXG.


Ademais, as cifras de desempregados xuvenís (13.792) e mulleres desempregadas (71.538) son as máis baixas nun mes de setembro desde 2005, mentres que a de parados de longa duración (61.647) é a máis baixa dos últimos 16 anos.
O conselleiro González subliñou tamén o incremento da contratación, con máis dun 14% de contratos novos respecto ao mes anterior e un aumento significativo dos contratos indefinidos, que subiron máis dun 40%.
José González destacou o compromiso da Xunta para seguir creando emprego de calidade, grazas ás medidas estratéxicas en colaboración co tecido produtivo. Salientou a implantación da intelixencia artificial EMi nas 54 oficinas de emprego galegas, unha ferramenta destinada a casar de xeito eficiente a oferta e a demanda laboral.
O conselleiro lembrou que están abertas axudas para apoiar a contratación de axentes de emprego nos concellos e entidades sen ánimo de lucro.•

A cifra de desempregados é de 120.992 e en termos anuais baixa nun 7,39% e supera en 1,98 puntos a baixa do paro do Estado sendo a terceira comunidade na que máis se reduce. Datos GPXG.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Fundación Barrié convoca becas de investigación para estudantes universitarios

Seguinte Nova

Continúa a limpeza de estradas en Monforte, O Saviñao e Pantón

Últimas noticias sobre EMPREGO

Ir aInicio