A Deputación Provincial e os servizos municipais de Sober colaboran na retirada de árbores caídas e na reparación de infraestruturas danadas polas chuvias e ventos rexistrados en Galicia

O Concello de Sober activou dende primeiras horas da mañá do xoves os equipos municipais para facer fronte aos estragos deixados pola borrasca “Kirk” que afectou a toda Galicia. Entre as principais actuacións realizadas está a retirada de árbores e ramallos caídos que obstaculizaban varias estradas locais. A Deputación Provincial de Lugo, pola súa parte, tamén se sumou a estes traballos nas vías da súa competencia, colaborando cos equipos municipais para garantir a seguridade e a normalidade no tráfico rodado.
Ademais de limpar as estradas, tamén se deron incidencias relacionadas con postes de tendido eléctrico e de telefonía. O concello xa deu aviso aos servizos técnicos responsables para que procedan ao arranxo das avarías. O temporal deixou máis de 1300 incidencias en toda Galicia. En Sober, os traballos continúan para asegurar que as estradas sigan transitables e as infraestruturas afectadas sexan reparadas. Aínda que os fenómenos meteorolóxicos remataron na tarde do mércores, as autoridades locais advirten da necesidade de manter a precaución nos próximos días ante posibles contratempos derivados dos danos causados polo vento e a chuvia. •