
Os datos da enquisa a fogares sobre a dixitalización en Galicia para o ano 2023 indican un avance significativo no proceso de incorporación de novas tecnoloxías entre a poboación. O informe está baseado na análise dos resultados do módulo de novas tecnoloxías da «Enquisa estrutural aos fogares» do IGE, na edición 2023.
DIXITALIZACIÓN DOS FOGARES GALEGOS
O 79,1% dos fogares galegos con persoas de 16 a 74 anos conta cun ordenador, xa sexa de sobremesa, portátil ou tablet, e o uso do ordenador portátil destaca, pois está presente no 61,1% dos fogares.
A porcentaxe de fogares con acceso a Internet alcanzou un 94,3%, con 890.005 fogares que dispoñen de conexión, un incremento de 36.545 en catro anos. Este aumento é especialmente significativo en concellos rurais, onde a porcentaxe de fogares conectados chega ao 89,7%, experimentando un crecemento do 3,7% no último ano. O grao de dixitalización é máis intenso entre colectivos que tradicionalmente tiñan menor inclusión dixital, como as persoas maiores ou residentes en áreas rurais.
EVOLUCIÓN POSITIVA DA VELOCIDADE DE INTERNET
As velocidades de conexión a Internet tamén experimentaron melloras notables. O 78,2% dos fogares con conexión dispoñen de velocidades superiores a 30 Mbps, un incremento do 33,9% desde 2020. Ademais, a porcentaxe de fogares que contan cunha velocidade de Internet superior a 100 Mbps situouse no 44,8%, en comparación co 27,2% que rexistraba en 2020.
A capacitación dixital entre a cidadanía galega mantén un crecemento continuo. O 92,6% da poboación galega utiliza un teléfono móbil con acceso a Internet, e o uso do Internet entre as persoas de 16 a 74 anos aumentou nun 2,5% respecto ao ano anterior. En termos absolutos, 1.807.980 galegos e galegas utilizaron Internet nos últimos tres meses.
COMPRAS A TRAVÉS DA REDE E INTERACCIÓN COA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA
As actividades máis realizadas polos internautas galegos inclúen a mensaxería instantánea (98,5%), a búsqueda de información sobre bens e servizos (88,6%) e a banca electrónica (78,4%). O 63,9% dos galegos realizaron compras en liña, cun incremento do 5,3% en comparación co ano anterior.
Tamén se observa un avance na interacción coas administracións públicas a través de Internet, onde o 85,2% dos internautas galegos obtiveron información online e o 80,8% enviaron formularios cumpridos a través da Rede. Este aumento na interacción dixital coas AAPP supón un incremento do 7,3% en relación ao ano anterior.
CIBERSEGURIDADE
A ciberseguridade é un aspecto importante, xa que o 63,1% dos internautas galegos actualizan regularmente os seus produtos de seguridade. Como resultado, tan só o 14,4% dos internautas reportaron sufrir algún incidente de ciberseguridade no último ano.
CONCLUSIÓNS
s datos indican que a dixitalización en Galicia non só se consolida, senón que tamén se expande, co obxectivo de seguir mellorando a accesibilidade á cultura e os servizos públicos a través das novas tecnoloxías. A inclusión de grupos previamente excluídos da dixitalización, como os maiores e os habitantes do rural, resulta clave para promover unha sociedade máis conectada e informada.•