As obras de mellora que a Xunta está a executar na estrada LU-651 avanzan coa colocación das vigas na ponte máis próxima á parroquia de Seoane, no concello de Folgoso do Courel. Esta actuación enmárcase na primeira fase da mellora deste vial autonómico, que inclúe o treito entre Ferrería Vella e Seoane. A ponte, pechada ao tráfico, obrigou a habilitar un desvío temporal.
A ampliación das dúas pontes do tramo, iniciada no verán, inclúe a escavación, cimentación e colocación de vigas metálicas para soster o novo taboleiro.
Esta obra, que respecta a estrutura antiga, reducirá o peso sobre os novos apoios. Nos próximos días prevese completar a soldadura da estrutura, instalar as lousas de formigón e o firme, co obxectivo de reabrir a estrada na primeira quincena de novembro.
Posteriormente, os traballos continuarán con movemento de terras, pavimentación e sinalización.
O orzamento global destas obras ascende a 9,6 millóns de euros.•