O Parador de Turismo de Monforte de Lemos acolleu a celebración da oitava edición do Foro Territorios Patrimonio, un encontro internacional que se tivo lugar o 21 e 22 de outubro, centrado na protección do patrimonio e o turismo sustentable na Ribeira Sacra. O acto inaugural contou coa participación da Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, que representou ao alcalde, José Tomé Roca, ausente por motivos de axenda. Tamén estiveron presentes o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, o director do foro, Carlos Montilla, e a directora xeral de Patrimonio da Xunta, María del Carmen Martínez Ínsua.
Na súa intervención, Gloria Prada subliñou que o patrimonio vai máis alá dos bens materiais, sendo tamén unha herdanza cultural e emocional que define e une ás comunidades. Destacou que “o patrimonio é unha responsabilidade para o futuro” e que a súa preservación permite ás xeracións vindeiras coñecer e gozar das súas raíces.
Prada incidiu na necesidade de traballar conxuntamente desde as administracións, as asociacións e o sector empresarial para acadar o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
A directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez, destacou o labor desenvolvido pola Xunta para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial, destacando os esforzos realizados en colaboración coa cidadanía e os pasos administrativos dados até o momento. Entre o 27 e o 29 de outubro, terá lugar en Nogueira de Ramuín o encontro internacional Fontes, onde se reunirán expertos e investigadores para seguir avanzando na candidatura da Ribeira Sacra.•