A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, instou aos concellos da provincia a aproveitar as novas axudas dispoñibles para a creación de Aulas Mentor, un programa impulsado polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. A recente convocatoria, publicada pola Secretaría Xeral de Formación Profesional no Boletín Oficial do Estado (BOE), ofrece un orzamento total de 2.720.000 euros. A subdelegada informou de que os concellos interesados poderán solicitar os fondos ata o próximo 10 de novembro. Cada aula terá un apoio económico de 4.000 euros, distribuídos en 680 módulos destinados a implantar este proxecto nos municipios galegos.
Isabel Rodríguez subliñou que esta convocatoria representa unha oportunidade para mellorar as competencias dos adultos de Lugo, permitindo que accedan a unha formación continua sen as limitacións do ensino presencial. Destacou que xa unha decena de concellos lucenses se beneficiaron destas axudas en edicións anteriores, un feito que evidencia o éxito e a acollida do programa na provincia.
O Programa Aula Mentor ofrece unha plataforma aberta e accesible a través de Internet, deseñada para que as persoas adultas poidan seguir formándose ao seu propio ritmo. Estas aulas integran espazos clave para desenvolver competencias recoñecidas no Catálogo Nacional de Estándares de Competencia, contribuíndo así á mellora das habilidades dos participantes en función das demandas do mercado laboral actual.•