
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, salientou o pasado sábado o compromiso de Galicia co rigor orzamentario, destacando o denominado «Estilo Galicia», que permite aprobar os Orzamentos en tempo e forma. Durante a Xunta Directiva Provincial do PP de Lugo, Rueda subliñou que as contas para 2025 serán as máis elevadas da historia e, por segundo ano consecutivo, non implicarán endebedamento.
Rueda detallou que os Orzamentos galegos reservarán para a provincia de Lugo o maior investimento por habitante, cunha cifra de 5.840 euros. O líder popular indicou que estes investimentos son froito da estabilidade e da xestión responsable do Goberno galego, que permiten manter o seu apoio a proxectos clave para Lugo. Durante a súa intervención, Rueda criticou o Goberno central polas continuas incidencias nos servizos ferroviarios e a situación das infraestruturas estatais en Galicia, en especial na provincia de Lugo. O presidente do PPdeG esixiu ao ministro de Transportes, Óscar Puente, máis xestión e menos desprezos, sinalando a necesidade de avanzar na Alta Velocidade, na recuperación total do viaduto do Castro e na finalización da autovía a Santiago de Compostela.
Rueda subliñou que os atrasos e a falta de avances nestes proxectos afectan negativamente á provincia, e instou ao Executivo a asumir a súa responsabilidade e a traballar con maior rigor en prol das infraestruturas de Lugo.
A presidenta do PP na provincia de Lugo, Elena Candia, destacou pola súa parte que o compromiso do Goberno galego con Lugo reflíctese nos Orzamentos. Segundo explicou, a provincia segue sendo a que recibe o maior investimento per cápita, con partidas incrementadas nun 11% para garantir e mellorar os servizos públicos, así como unha aposta decidida pola ampliación do parque de vivenda pública.
INFRAESTRUTURAS SANITARIAS
Candia incidiu na importancia das infraestruturas sanitarias, destacando a construción e mellora de centros de saúde e a ampliación dos hospitais comarcais da Mariña e Monforte. Tamén sinalou que a Xunta incrementou un 2,6% o investimento en infraestruturas que sosteñen proxectos en marcha e melloran a seguridade nas estradas de competencia autonómica.
A presidenta provincial valorou positivamente a colaboración cos concellos, que se incrementará ata o 11% para apoiar proxectos como o tratamento de residuos, o abastecemento e saneamento de auga, así como achegas no ámbito do medio rural.
CRÍTICAS A OSCAR PUENTE
Elena Candia tamén se referiu á postura do PP de Lugo en relación ao ministro de Transportes, Óscar Puente, quen foi premiado nun acto ao que os populares non asistiron. Segundo Candia, os lucenses expresaron o seu rexeitamento ao ministro, co que coinciden en que «non merece ningún premio» polas débedas pendentes coa provincia en materia de infraestruturas.•