O sindicato sinala que a empresa monfortina do sector do automóbil deixa a 12 traballadores sen salario dende xullo e cunha indemnización mínima
O sindicato CCOO de Industria anunciou que presentará unha denuncia contra Cesmauto e o seu administrador único, César Vázquez Parga, por fraude no peche da empresa. Cesmauto, coñecida no sector do automóbil en Monforte por máis de 40 anos de actividade, foi concesionario oficial de varias marcas como Opel, Nissan, Honda, Toyota e Kia, chegando a liderar o mercado provincial con vendas de até 900 vehículos novos anuais. A facturación da empresa superaba os 2 millóns de euros anuais.
CCOO denuncia que, dende a pandemia, Vázquez Parga iniciou un proceso de descapitalización da sociedade que culminou en xuño de 2024 coa solicitude de concurso voluntario de acredores no Xulgado Mercantil de Lugo. A débeda actual de Cesmauto ascende a preto de 1 millón de euros, e as naves foron transferidas previamente ao nome do administrador, deixando a empresa sen activos. A plantilla, composta por 12 traballadores, non cobra os seus salarios dende xullo e enfróntase a recibir unha indemnización mínima do FOGASA, cando algúns empregados terían dereito a máis de 80.000 euros.
Ademais, o sindicato afirma que o traballo foi derivado a outros talleres da comarca durante o verán e que os recambios foron vendidos sen rexistro contable. CCOO advirte que, de non resolverse a situación solicitarán que o xulgado declare o concurso culpable e se embargue o patrimonio persoal do administrador•