Chantada acolle en primicia a estrea de: BRAVÚ XXX

Este venres, 25 de outubro, o Auditorio Municipal de Chantada acollerá a estrea en primicia do documental BRAVÚ XXX, unha produción de Nós Televisión que conmemora o 30º aniversario do movemento musical Bravú, que naceu nos anos 90 cun forte compromiso coa cultura galega. A proxección terá lugar ás 20:00 horas e incluirá un coloquio con Xurxo Souto, antigo líder dos Diplomáticos de Monte Alto, e Richi dos Rastreros. A entrada será libre e gratuíta para todos os públicos. O movemento Bravú tivo a súa orixe o 31 de outubro de 1994 na aldea de Viana, en Chantada, onde unha ducia de bandas como Os Diplomáticos de Monte Alto, Papaqueixos e O Caimán do Río Tea se reuniron na Taberna Caballero e se autodenominaron como Bravú, marcando un antes e un despois na música galega. Trinta anos despois, Xurxo Souto regresa á mesma taberna para revivir ese momento histórico e reflexionar sobre a vixencia deste movemento. No documental, Souto emprende unha viaxe para achegarse de novo ao Bravú e ás súas orixes. O filme percorre diversos puntos clave da música galega contemporánea, comezando pola Coruña, onde Xurxo Souto se atopa con artistas como Paola Beiro das Garotas da Ribeira e Nuno Pico de Grande Amore. Na súa viaxe, tamén fala con Xosé Manuel Pereiro, coñecido como Johnny Rotring en Radio Océano, e con María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, quen compartirá como o Bravú influíu na súa carreira musical. A importancia de Chantada como berce do movemento Bravú destaca no filme, e segundo Manuel Diéguez, Concelleiro de Cultura, a estrea do documental no municipio supón un importante recoñecemento. “O equipo estivo este verán gravando en Chantada. Desde o Concello apoiamos este proxecto polo que significa para a nosa tradición musical e pola visibilidade que terá en diferentes plataformas”, explica Diéguez. O documental BRAVÚ XXX é unha homenaxe a tres décadas de historia musical e cultural en Galicia, e remata onde todo comezou: na Taberna Caballero de Viana, en Chantada, onde Xurxo Souto reencontrarase cos cofundadores do movemento. A estrea promete ser unha celebración da cultura galega e da música popular que deixou unha pegada profunda nas últimas xeracións.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Deputación mellora a estrada entre Paradela e O Saviñao

Seguinte Nova

O Programa Integrado de Emprego de Chantada pecha coa entrega de diplomas

Últimas noticias sobre PORTADA

Ir aInicio

Don't Miss