Danse a coñecer os detalles do proxecto definitivo da reforma integral da Piscina Municipal de Monforte

A reforma, cofinanciada polo Consello Superior de Deportes, a Deputación de Lugo e o propio Concello, modernizará unha infraestrutura clave para o deporte local

O Concello de Monforte acometerá a renovación integral da Piscina municipal con un investimento superior a 2 millóns de euros. Infografía GPCM.

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou o 21 de outubro o proxecto definitivo das obras de mellora da Piscina climatizada municipal de A Pinguela. A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación deste proxecto a Construcciones Castro por un total de 2.025.720,52 euros, que inclúe tanto a elaboración do proxecto como a execución das obras, cuxa finalización está prevista antes do verán de 2025.
A reforma, que foi presentada como un cambio integral das instalacións, dará lugar a unha infraestrutura practicamente nova. “A piscina terá unha nova imaxe interna e externa, similar ao pavillón polideportivo, o que permitirá manter a harmonía estética no complexo da Pinguela”, subliñou o alcalde. A intervención abarcará espazos como a entrada, a cafetería, o ximnasio, as gradas, os vestiarios e os accesos interiores, ademais de introducir melloras significativas na eficiencia enerxética e na accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.
O investimento total ascenderá a 2.047.009,42 euros, dos cales o 31,5 % será financiado polo Consello Superior de Deportes, cunha subvención de 644.882,94 euros. A Deputación Provincial de Lugo aportará 600.000 euros en dúas anualidades (2024 e 2025), o que representa o 29,3 % do total, mentres que o Concello de Monforte completará o financiamento con 802.126,48 euros, equivalentes ao 39,2 % do investimento.
Esta reforma integral enmárcase no compromiso do goberno local por mellorar as infraestruturas da cidade, especialmente na área deportiva. Tomé destacou que “grazas á colaboración entre o Estado, a Deputación e o Concello, podemos afrontar este proxecto, ao que a Xunta de Galicia non contribuíu”. Ademais, o alcalde remarcou que o complexo de A Pinguela se consolidará como unha referencia deportiva na provincia de Lugo, con instalacións modernas e accesibles para toda a cidadanía.
O proxecto contempla a reorganización funcional da piscina e as súas instalacións, eliminando os accesos dobres e as escaleiras internas para facilitar a circulación dos usuarios.
A entrada principal será desprazada cara á esquina para crear un vestíbulo común coa piscina e o pavillón polideportivo, mellorando a accesibilidade e o control de acceso. Tamén se reformarán a cafetería e as gradas, ampliando os espazos para espectadores e permitindo o funcionamento independente da cafetería mesmo cando a piscina estea pechada.
A piscina manterá o vaso actual, pero o resto das instalacións, incluídos os vestiarios, serán renovadas para cumprir coas normativas de accesibilidade. O ximnasio será trasladado á zona sur do edificio, ampliando a súa superficie para mellorar a experiencia dos usuarios. As gradas tamén serán ampliadas, coa creación dun novo acceso que conectará directamente co vestíbulo principal.
A nivel exterior, o edificio contará cun novo revestimento a través dun sistema de illamento térmico exterior (SATE), que mellorará a eficiencia enerxética e a estética do conxunto.
As melloras incluirán tamén a modernización do sistema de climatización. Ademais, implementarase un sistema de monitorización dixital da actividade na piscina, que permitirá mellorar a seguridade e o control da práctica deportiva.
As obras están previstas que finalicen en setembro de 2025, aínda que se espera que as instalacións poidan estar dispoñibles antes do verán do próximo ano.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Espazo+60 de Monforte acolleu un cinefórum sobre o dano cerebral adquirido

Seguinte Nova

A ampliación da estrada LU-651 avanza coa colocación das vigas na ponte de Seoane

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

Ir aInicio

Don't Miss