Equipos espeleolóxicos de Galicia e Asturias descubriron recentemente 2 quilómetros de novas galerías, pozos e salas na sima Aradelas, situada no Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel. A sima, coñecida dende hai décadas polos habitantes locais, incrementou o seu valor con este achado, que inclúe unha nova entrada á cova, bautizada como cova Emilio en homenaxe ao espeleólogo Emilio Ballesteros, falecido recentemente. Este achado engade un compoñente deportivo significativo, xa que permite realizar travesías subterráneas, percorrendo a cavidade dende unha boca ata a outra.
O labor foi coordinado por nove entidades galegas, entre elas clubs de espeleoloxía e montaña como os Irmandiños e Montañeiros Celtas, e contou coa colaboración de dous grupos asturianos. Grazas a este esforzo, elaborouse un novo plano que reflicte un total de 2,2 quilómetros de condutos subterráneos na sima Aradelas. Ademais, atopáronse importantes espeleotemas, como estalactitas, estalagmitas e o lago subterráneo Hydra, explorado mediante espeleomergullo.
Os descubrimentos serán presentados oficialmente o 9 de novembro no marco do Outono Xeolóxico do Xeoparque Montañas do Courel, nunha charla na Estación Científica de Seoane. A actividade incluirá tamén visitas guiadas a covas da zona. As exploracións levadas a cabo foron posibles grazas ao apoio da veciñanza da contorna, da aldea de Campelo. •