
A Deputación de Lugo iniciou as obras de mellora na ponte que conecta os concellos de Ribas de Sil e Quiroga, situada na estrada LU-P-5006. Esta infraestrutura, que une as estradas autonómicas LU-933 e LU-651 e salva o río Sil, é esencial para as comunicacións da comarca, especialmente para a veciñanza de San Clodio e Quiroga. A actuación, cun investimento de preto de 40.000 euros, busca mellorar a seguridade e o estado desta vía fundamental, que é empregada diariamente por case 4.000 habitantes.
Os traballos, que se prolongarán durante dous meses, inclúen o fresado e reposición dunha zona con afundimentos, a pavimentación completa da estrada, reparación e pintado da varanda metálica, substitución dunha luminaria e a mellora estrutural das beirarrúas. Tamén se renovará a sinalización coa pintura de marcas viais, garantindo unha maior visibilidade e seguridade para os usuarios da ponte.
Esta ponte non só conecta os núcleos de San Clodio e Quiroga, situados a tan só 1,5 quilómetros, senón que tamén dá acceso directo ao Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana (CIMAR), un recurso turístico de gran relevancia na comarca.•