O Espazo+60 de Afundación en Monforte de Lemos acolleu o pasado luns, 21 de outubro, unha sesión de cinefórum centrada no dano cerebral adquirido, enmarcada dentro dun ciclo de sensibilización dirixido a maiores de 50 anos. A actividade foi organizada pola Federación Galega de Dano Cerebral en colaboración con Afundación e contou coa proxección do filme ‘Háblame de ti’, seguida dun coloquio para analizar o contido da película e abordar temas relacionados coas causas e secuelas desta discapacidade.
O cinefórum, que se enmarca nunha serie de sesións organizadas en varias localidades galegas, ten como obxectivo incrementar o coñecemento sobre o dano cerebral adquirido, a súa prevención e a importancia de adoptar hábitos saudables para reducir o risco de sufrir esta discapacidade. No coloquio, fíxose especial fincapé en identificar os signos de alarma dun ictus, unha das principais causas de dano cerebral, así como en coñecer as pautas de actuación en caso de urxencia.
A sesión contou co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade.•