Os populares solicitan flexibilizar as normas para facilitar o traballo de transportistas e denuncian o bloqueo do arranxo da LU-617

O Partido Popular de Monforte, a través da súa voceira Katy Varela, volveu poñer no punto de mira a ordenanza de tráfico modificada polo goberno local hai oito meses. Segundo explica Varela, esta modificación está a causar grandes dificultades a transportistas, autónomos e empresarios que, asegura, «non poden realizar o seu traballo con normalidade e sen ser sancionados». A principal crítica dos populares reside na reducida franxa horaria que permite o acceso a zonas peonís e de carga e descarga. Varela sinala que “nin os residentes nin os negocios teñen control sobre cando lles chega a mercancía ou necesitan acceder de inmediato”. Para a voceira popular, o goberno de José Tomé está a crear “normas que teñen un afán persecutorio e recadatorio”.
A modificación afecta especialmente ao acceso de vehículos ás zonas de carga e descarga. Os populares solicitarán unha ampliación do horario de carga e descarga, actualmente limitado a cinco horas diarias, para estender este prazo a 12 horas coincidindo co horario comercial.
Por outra banda, o PP denuncia que o goberno local está a boicotear o arranxo da estrada autonómica LU-617. Segundo Varela, a empresa encargada das obras leva máis dun mes esperando unha resposta do Concello, despois de presentar todos os trámites esixidos. «Non entendemos por que o alcalde bloquea estas obras que el mesmo reclamou hai uns meses», sinalou Varela. Para os populares, esta falta de resposta por parte do goberno local é un intento de confrontación coa Xunta de Galicia.•