As accións levadas a cabo fixeron posible que das 100 persoas desempregadas 72 puideran iniciar un contrato laboral
O Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada 23/24, que busca mellorar a ocupabilidade de persoas en situación de desemprego, pechará a súa edición a finais deste mes cun acto de clausura e entrega de diplomas. Esta iniciativa, financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Servizo Público de Emprego Estatal, levou a cabo accións que lograron a inserción laboral de 72 das 100 persoas participantes.
O programa ten como obxectivo a integración laboral de diferentes colectivos de desempregados. Desde a súa primeira edición no ano 2021, o Concello de Chantada solicita esta subvención, xunto con outros municipios como Carballedo, Taboada, Sober, O Saviñao, Pantón, Bóveda, Paradela, A Peroxa, Coles, San Cristovo de Cea e Vilamarín. Este ano, a nova edición do Programa Integrado de Emprego 24/25 contará tamén coa participación do concello de Amoeiro.
A selección de participantes esixe estar inscrito no Servizo Público de Emprego no momento de inicio do programa. O SEPE encargarase de preseleccionar as persoas candidatas, que serán contactadas por carta para unha serie de encontros nos distintos concellos participantes. A listaxe definitiva de participantes establecerase tras estes encontros.
As persoas interesadas en formar parte desta nova edición e que cumpran os requisitos, pero non reciban comunicación oficial, poden dirixirse ás oficinas municipais de Chantada ou chamar ao 982440011, extensión 1025, para obter máis información.•