O Concello de Sober, en colaboración coas Xuventudes Musicais da localidade, organiza para este sábado, 26 de outubro, un concerto de guitarra a cargo de Luis Alejandro García. A actuación, que será de balde, terá lugar no Centro Sociocultural ás 19:30 horas.
Luis Alejandro García, guitarrista internacionalmente recoñecido, presentará o seu repertorio “Ensoño”, que promete levar aos asistentes a un mundo de beleza e fantasía. Este programa inclúe obras de grandes compositores do Romanticismo, como Fernando Sor, Napoléon Custo, Giulio Regondi e Mauro Giuliani, que serán interpretadas cunha guitarra romántica, réplica dunha Coffe-Goguette do século XIX.
A crítica especializada eloxiou a García, describíndoo como “un extraordinario narrador musical” (L’Area dei Verona). O artista, que acumula máis de 40 premios internacionais, inclúe entre os seus logros o primeiro premio no Concurso Internacional de Guitarra de París, así como no Concurso Internacional de Viseu e no Festival Internazionale dei Chitarra en Italia.
O programa do concerto incluirá pezas como “Le Départ” de Coste, “Rêverie” de Regondi, “Fantasie Élégiaque” de Sor e “Rossiniana Nº1” de Giuliani, entre outras.•