
A nova campaña de vacinación impulsada pola Xunta de Galicia, en marcha desde o 23 de setembro, afronta este ano os virus do inverno cunha estratexia renovada e ampliada. O obxectivo principal é protexer á poboación máis vulnerable fronte á gripe, a covid-19 e o virus respiratorio sincitial (VRS), causante da bronquiolite. Entre as principais novidades destaca a introdución da vacina intranasal contra a gripe para os menores de 2, 3 e 4 anos, así como a inclusión do persoal educativo que traballa con nenos e nenas de ata 4 anos no grupo de vacinación prioritaria.
A Xunta considera a vacinación como unha das ferramentas máis efectivas para previr enfermidades graves, o que posiciona a Galicia como líder en España tanto en taxa de cobertura como na introdución de novas inmunizacións. De feito, a comunidade galega conta co calendario de vacinación máis completo do mundo, non só polo número de vacinas incluídas, senón tamén pola amplitude das idades cubertas.
Un dos obxectivos centrais da campaña deste ano é aumentar a taxa de vacinación entre o persoal sanitario, que actualmente se sitúa no 57%, e pretende alcanzar o 75%. Igualmente, o Goberno galego busca incrementar a cobertura entre os menores, que hoxe está no 56%, co obxectivo de chegar ao 60%. No caso das embarazadas, trabállase para pasar do 46% actual ao 60%.
A vacinación contra a gripe e a covid-19 comezou, como en anos anteriores, polas persoas residentes en centros de maiores e de discapacidade, ademais do persoal que traballa nestes espazos. O 7 de outubro iniciouse a inmunización dos menores de 6 a 59 meses, aplicando a vacina intranasal a aqueles con máis de 24 meses. Simultaneamente, tamén se vacinou a menores con patoloxías de risco, persoas inmobilizadas no fogar e os seus coidadores principais.
Desde o 14 de outubro, a campaña continúa nos centros de saúde para a poboación maior de 80 anos, as persoas inmunodeprimidas e o persoal de farmacias e servizos de emerxencias sanitarias. Ademais, tanto o persoal dos hospitais da rede pública como os dos hospitais privados tamén están a recibir as vacinas nos centros hospitalarios correspondentes.
A partir do 30 de outubro, os grandes recintos de vacinación abrirán as súas portas para vacinar ás persoas de entre 60 e 79 anos, comezando polos maiores desta franxa. Posteriormente, tamén se habilitarán estes espazos para ofrecer a autocita a menores de 60 anos con patoloxías de risco, mulleres embarazadas ou en puerperio, persoal de servizos esenciais e traballadores expostos á gripe por razóns laborais.
A inclusión do persoal educativo con nenos de ata 4 anos na campaña representa un paso adiante na prevención, ampliando a cobertura a este colectivo para frear a transmisión da gripe nos centros educativos. Así mesmo, as persoas conviventes con pacientes de risco tamén poderán vacinarse a partir do 18 de novembro, completando así os grupos de poboación diana.
En canto á loita contra o virus respiratorio sincitial, desde o 23 de setembro, a Xunta inmuniza a todos os bebés nados en hospitais galegos, tanto públicos como privados. Esta campaña continuará ata o 31 de marzo de 2025, cun seguimento especial para os menores de 6 meses, que recibirán notificacións por SMS para seren vacinados antes de que poidan estar en contacto co virus da bronquiolite. Grazas a esta estratexia, que Galicia puxo en marcha por primeira vez o ano pasado, conseguiuse unha inmunización do 95% dos bebés e reduciuse un 90% os ingresos hospitalarios por VRS.•