O proxecto, que contempla a urbanización de terreos no centro da cidade, provoca preocupación entre os propietarios e grupos da oposición
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou a aprobación definitiva do proxecto de reparcelación da “Zona D”, que comprende os terreos situados no centro da cidade, xunto ao río Cabe e fronte ao Colexio da Compañía. A Xunta de Goberno xa aprobara inicialmente este proxecto o 7 de xullo de 2023, e tras un período de exposición pública que finalizou o 24 de agosto, foi ratificado na reunión do 16 de setembro.
Esta zona, que ocupa unha superficie total de 3.274 m², inclúe propiedades de 35 propietarios e herdeiros, e ten como obxectivo a mellora do espazo urbano, abrindo un novo vial que conectará a Rúa Cardeal co Paseo do río. O proxecto permitirá, ademais, eliminar áreas de maleza e xerar novas parcelas edificables cun baixo impacto ambiental. O custo estimado da reparcelación ascende a 400.000€, que será financiado con fondos propios municipais.
O Alcalde destacou a importancia deste proxecto para seguir mellorando o urbanismo na cidade, facendo énfase na recuperación de espazos que actualmente están en estado degradado. Segundo Tomé, a intervención permitirá cambiar a fisionomía da cidade e poñer en valor a zona próxima ao Monumento da Nosa Señora da Antiga.
Non obstante, este proxecto non escapa á controversia. O BNG criticou a falta de consenso e a oposición de moitos propietarios dos terreos afectados. A formación nacionalista subliñou que, 23 anos despois da aprobación das Normas Subsidiarias de Planeamento, non se levou a cabo a urbanización que lle correspondería aos propietarios, e que as necesidades da cidade mudaron desde aquel entón. “As circunstancias son moi diferentes e non podemos quedarnos ancorados en proxectos de hai 30 anos”, indicaron.
Por outra banda, Esperta Monforte tamén se manifestou en contra do proxecto. O concelleiro Jaime Germán Vázquez recordou que se dirixiu á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para solicitar a protección dun antigo muro de pedra seca que forma parte da zona de actuación. “Consideramos que a urbanización e a derriba deste muro son danos irreparables ao patrimonio e á paisaxe da zona”, afirmou. A formación política demandou que se paralice a actuación ata que se valore adecuadamente o impacto no patrimonio cultural.
A polémica en torno á Zona D pon de manifesto as divisións sobre como debe avanzar o urbanismo en Monforte.•