Galicia aposta polo emprendemento e consolídase como Rexión Emprendedora Europea 2025

A Xunta impulsa iniciativas para dinamizar a economía, atraer talento e fixar poboación no rural galego

Imaxe dunha reunión celebrada no polo de emprendemento e apoio ao emprego de Sarria. Foto GPXG.

Galicia reforza o seu compromiso co emprendemento como motor de crecemento e xeración de emprego. O Goberno galego vén de posicionar esta área como unha das súas prioridades, desenvolvendo ferramentas para que aquelas persoas interesadas en poñer en marcha un proxecto empresarial na Comunidade atopen o apoio necesario para facelo realidade. Un dos exemplos máis destacados deste compromiso é a creación, en xullo de 2022, da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, un programa público que ofrece asesoramento gratuíto e individualizado tanto para quen desexa emprender como para quen xa o fixo e precisa consolidarse.
A Rede, que ten como un dos seus obxectivos principais dinamizar o rural e combater o reto demográfico, conta actualmente con 14 oficinas repartidas polas catro provincias galegas: tres na Coruña (Ferrol, Coristanco e Melide), cinco en Lugo (Friol, Mondoñedo, Sarria, A Fonsagrada e Monforte de Lemos), catro en Ourense (O Carballiño, Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras e Verín) e dúas en Pontevedra (Silleda e O Porriño).

Outra iniciativa está orientada a atraer a os chamados nómades dixitais ou profesionais en remoto. Na imaxe o coliving de Lobeira (Ourense). Foto Nemanja Knezevic.


Dende a súa creación, a Rede xa atendeu máis de 2.600 iniciativas emprendedoras, sendo o sector servizos o máis predominante, seguido da hostalería e do comercio.
Unha das liñas máis innovadoras da Rede é o seu plan de remuda xeracional, que facilita a transmisión de negocios en activo entre aqueles que están a piques de xubilarse e as persoas interesadas en continuar coa súa actividade. Este programa, dotado con 1,5 millóns de euros, contribúe a evitar o peche de empresas en Galicia e a manter proxectos consolidados e viables. Tamén destaca a Estratexia Galicia Retorna, que busca favorecer o regreso de emigrantes galegos e os seus descendentes, facilitando a súa integración sociolaboral a través do autoemprego e do apoio á creación de negocios. Neste ámbito, o programa Merlo ofrece un servizo de mentoría especializado para aqueles emprendedores retornados.
Outro dos eixos estratéxicos no impulso ao emprendemento é a atracción de nómades dixitais ao rural galego. Esta nova tipoloxía de profesionais en remoto, cada vez máis común grazas ás novas tecnoloxías, atopa en Galicia un espazo ideal para desenvolver a súa actividade a través de iniciativas como os colivings. A Xunta puxo en marcha o proxecto Fixar, que engloba tres espazos de coliving en Lobeira (Ourense), Anceu (Ponte Caldelas, Pontevedra) e O Piñeiro (Laxe). Actualmente, esta rede conta con 60 participantes, entre os que se atopan profesionais internacionais de sectores como os videoxogos, o cinema e a tecnoloxía.
Estas iniciativas contribuíron a que Galicia recibise recentemente o recoñecemento como Rexión Emprendedora Europea 2025, un galardón que destaca o traballo da Comunidade no desenvolvemento de proxectos empresariais que dinamicen a economía local, atraian traballadores cualificados e impulsen novas oportunidades de negocio. Para complementar estas accións, o Goberno galego lanzou o Mapa do Emprendemento virtual, que reúne a 190 entidades e todos os recursos dispoñibles para poñer en marcha un proxecto empresarial en Galicia, así como a publicación de microguías prácticas que se distribúen tanto en liña como nas oficinas da Rede de polos.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Reclaman marquesinas para as paradas de autobús en Escairón

Seguinte Nova

Novo éxito do Neka no Open de Bélxica

Últimas noticias sobre EMPRENDEMENTO

Ir aInicio

Don't Miss