O curso de Especialista en Territorio Rural Intelixente ten como meta proporcionar aos axentes económicos e sociais ferramentas para fixar poboación
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o xornalista e doutor en Socioloxía, Manuel Campo Vidal, inauguraron este mércores a xornada presencial do curso “Especialista en Territorio Rural Intelixente” no embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos. A iniciativa, promovida pola Deputación e impartida pola Cátedra de Despoboación e Reto Demográfico, busca dotar aos axentes económicos e sociais da provincia de novas ferramentas para impulsar o rural e combater o despoboamento.
José Tomé destacou a relevancia da colaboración entre a Deputación e os concellos para facer fronte ao reto demográfico, e sinalou que esta acción formativa é “un exemplo dos avances posibles no rural”. Tamén apuntou que se poderían acadar maiores progresos “se todas as administracións asumen as súas competencias e promoven políticas de igualdade e equilibrio territorial”.
A actividade, que comezou o 25 de outubro e concluirá o 15 de decembro, reúne preto de cen participantes e aborda temas clave como a sustentabilidade, dixitalización e comunicación. Tomé Roca subliñou o compromiso da Deputación coa igualdade nos servizos públicos entre o rural e as cidades, resaltando que os dereitos dos cidadáns deben ser iguais sen importar o lugar de residencia.
O coñecido periodista Manuel Campo Vidal, pola súa parte, eloxiou o esforzo da Deputación de Lugo en prol do rural e coincidiu na necesidade de “dar voz ao rural” nas novas canles dixitais para divulgar o seu potencial.•