Mel de Galicia: o tesouro doce que preserva a tradición apícola e lidera a calidade galega

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia é unha das 38 Experiencias de Calidade promovidas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria

O Mel de Galicia distinguese polo seu selo de garantía e a contraetiqueta propia. Foto GPXG.

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, que conta cunha ampla traxectoria na certificación deste produto, está consolidada como un referente de calidade no sector apícola galego. Esta IXP, unha das 38 Experiencias de Calidade impulsadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, contribúe a preservar unha tradición histórica mentres impulsa o sector primario e o rural.
A apicultura en Galicia conta cunha gran relevancia histórica e cultural, tal e como reflicte o noso patrimonio etnográfico. Un dos elementos máis significativos son as alvarizas, que servían para protexer as colmeas dos ataques de animais salvaxes como o oso ou das inclemencias meteorolóxicas dos ventos fortes. Estes elementos, espallados polo territorio, son unha mostra visible da importancia do mel galego, produto que chega aos fogares directamente das colmeas, mantendo intactas as súas propiedades.
A diversidade xeográfica e climática de Galicia é outra das claves que sitúan ao Mel de Galicia como un dos produtos de maior calidade en Europa. A mestura de choivas abundantes, chans graníticos, ventos e proximidade ao mar propician unha flora única e variada que permite ás abellas libar en plantas como o castiñeiro, o eucalipto, o breixo, a silva e incluso o carballo, de onde se obtén o coñecido mel de melada ou de bosque. Estes factores permiten unha ampla gama de variedades de mel, cada unha con matices propios, que fan que o Mel de Galicia posúa sabores e texturas que o diferencian doutras producións.
Para garantir a autenticidade e calidade do mel, a IXP Mel de Galicia establece controis exhaustivos que abarcan todo o proceso, dende a colmea ata o punto de venda. Cada envase de Mel de Galicia leva unha contraetiqueta que certifica o seu cumprimento con altos estándares de calidade. Ademais, dende 2015, o Consello Regulador da IXP é recoñecido pola Entidade Nacional de Acreditación como entidade de certificación, un aval que reforza o prestixio deste produto e que garante ao consumidor un mel completamente natural, sen aditivos nin manipulación térmica que poidan afectar ás súas propiedades nutricionais.

Imaxe dunha alvariza. Foto GPXG


O mel amparado baixo a IXP Mel de Galicia tamén destaca polo seu alto contido mineral e a súa riqueza en vitamina C, superior á doutros meles, e posúe ademais un alto nivel de antioxidantes.
O Consello Regulador da IXP Mel de Galicia ampara actualmente a 254 apicultores e 44 envasadoras, que en conxunto manexan unhas 44.000 colmeas. Durante o ano 2023, estas explotacións conseguiron comercializar máis de 168.000 quilos de mel certificado, xerando un impacto económico de aproximadamente 1,5 millóns de euros. Estas cifras confirman a relevancia de Galicia como referente na produción de mel de calidade, ao tempo que resaltan o compromiso dos apicultores galegos coas prácticas tradicionais e sostibles.
O apoio institucional tamén é clave para o desenvolvemento deste sector. A Consellería do Medio Rural, en colaboración co Consello Regulador, leva anos traballando para fortalecer a apicultura na comunidade. Nos últimos dez anos, a Xunta de Galicia destinou máis de nove millóns de euros a diferentes iniciativas neste ámbito. Estas axudas buscan preservar unha actividade que non só é económica, senón que tamén ten un alto valor ambiental, xa que as abellas xogan un papel crucial na polinización e na conservación da biodiversidade.
A convocatoria destas axudas foi publicada o pasado 8 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia, coa que se asignaron preto de 1,5 millóns de euros para apoiar a 2.200 explotacións apícolas.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Chantada acolleu a gravación do programa “Acó, Aló e Acolá”

Seguinte Nova

Sober participa no novo Programa Integrado de Emprego para oito concellos do sur de Lugo

Últimas noticias sobre O MUNDO DO VIÑO E DO AGRO

Ir aInicio

Don't Miss