O alcalde José Tomé Roca presidiu unha homenaxe ao monfortino asasinado en 1943 pola represión franquista
O Concello de Monforte organizou o pasado 11 de novembro, un acto de homenaxe en lembranza de Ramón Yáñez Pereira, guerrilleiro monfortino asasinado polas forzas franquistas o 13 de xullo de 1943 na Caseta de Ansemil, en Celanova. A cerimonia, presidida polo alcalde e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, tivo lugar na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro e contou coa participación do historiador Carlos Morais e o artista Baldomero Moreiras, entre outros.
Á cita acudiron membros da Corporación municipal de Monforte, como a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, concelleiros de distintas áreas e representantes de asociacións locais, así como veciños e veciñas. Estivo tamén presente a presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, Celia Inés Soto Feijóo, en representación da entidade colaboradora do evento.
José Tomé lembrou a traxectoria de Yáñez, coñecido como «O Médico», quen militou na resistencia contra o réxime de Franco, participando activamente na guerrilla na zona de Laboreiro tras ser perseguido polas autoridades franquistas. Tomé destacou que, dende xullo, o Concello vén colaborando co Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova en accións de recoñecemento aos represaliados.
Durante o acto, o rexedor mencionou a Lei de Memoria Histórica de 2007, impulsada para apoiar a recuperación e recoñecemento das vítimas da represión franquista. Neste marco, o Concello obtivo documentación sobre Yáñez do Tribunal Militar Territorial Cuarto, na que se recollen os feitos que levaron á súa morte.
Tamén presentouse un cartel en homenaxe a Yáñez, a cargo de Moreiras, e unha conferencia de Morais sobre as investigacións ao redor da súa figura.•